«Son un rapaz normal»

Raúl Romar García
r. romar REDACCIÓN / LA VOZ

CIENCIA

Santi M. Amil

Óscar Rivero, que colecciona títulos en olimpíadas mundiais e nacionais de ciencias, tamén ten o expediente máis brillante de Galicia

19 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Fala de forma pausada, pero con convicción. Non asoma nel nin un ápice de petulancia e afronta os seus éxitos cunha normalidade impropia da súa idade. Non é un deportista de elite, senón unha das mentes novas máis brillantes dos últimos tempos en Galicia aloxada nunha cabeza moi equilibrada. O ourensán Óscar Rivero Salgado (Xinzo de Limia, 1994) é, literalmente, un rapaz dez. Ten o expediente de bacharelato máis brillante de Galicia e incluso de España, con unha nota de 14 sobre 14, e agora vén de acadar a medalla de prata na Olimpíada Internacional de Matemáticas, a única do equipo español. Xinzo aprobou onte poñerlle a insignia do Concello.

-¿Esperaba obter a medalla de prata?

-Fun ca idea de repetir o bronce do ano pasado, e ao final foi prata. Pero quedei moi contento porque os problemas son moi complicados e, se tes un día nefasto, non che sae nada.

-E, se non fora pola xeometría, podería ser ouro.

-Si, en España temos un déficit de preparación con esta materia. E logo están os coreanos e os chinos, aos que xa especializan desde os 10 ou 12 anos para competir nestas olimpíadas. E así é moi difícil competir con eles.

-Gañou medallas en olimpíadas nacionais e internacionais de física, química e matemáticas. ¿Sabe xa cantas ten?

-Pois si che digo a verdade non levo a conta.

-A última vez díxome que tiña 12 ou 13.

-Pois agora teño unha máis.

-¿Non pensou algunha vez que é un caso único, que ninguén acadou en Galicia o que vostede á súa idade?

-Non, pero supoño que tamén inflúe moito a sorte.

-E o traballo.

-Iso claro, porque detrás hai moitas horas practicando os problemas. Pero pasa con tódalas cousas, porque os deportistas que conseguen grandes resultados o fan porque teñen moito adestramento detrás.

-Pero tampouco todo será traballo na súa vida.

-Por suposto. O que non podes é estar todo o día traballando porque sería contraproducente. Son un rapaz que ten unha vida perfectamente normal. Gústame ler, a música, saír cos amigos, viaxar... A miña vida non dista moito da que pode facer calquera rapaz.

-Moi normal dedicando horas por pracer ás matemáticas tampouco é.

-Está claro que non a moitos rapaces lles gusta pasar as tardes resolvendo problemas de matemáticas, pero o fago porque me gusta, o paso ben.

-Dálle ben á física, ás matemáticas, á química, á literatura, á música... ¿Hai algo que se lle resista?

-O deporte. Recoñezo que son un manta con todo o que ten que ver ca actividade deportiva.

-Vai estudar a Barcelona un dobre grao de Física e Matemáticas porque aquí non hai a especialidade. ¿Corre Galicia o perigo de perder un talento?

-É pronto para dicilo, porque non sei onde acabarei, pero gústame pensar que algún día volverei a traballar en Galicia. Hai que mirar o futuro con optimismo e pensar que a cousa mellorará.

óscar rivero salgado medalla de prata na olimpíada mundial de matemáticas

«Non sei onde acabarei, pero gústame pensar que volverei a Galicia»