Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Lucía Martín Cacheda, bióloga de Lalín: «Estou cun estudo da comunicación que existe entre plantas de pataca»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

CIENCIA

Cedida

Apoia o seu traballo cun vídeo creado para a quinta edición do concurso do CSIC

17 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A investigación xa lle tiraba de pequena a Lucía Martín Cacheda, e cando nunha noite de reis as súas Maxestades se decataron do seu interese por buscar respostas máis aló do que percibe o ollo humano a simple vista e lle regalaron un microscopio, soubo que o seu camiño profesional estaba decidido. Así, despois de estudar Bioloxía e facer un par de máster, está actualmente en plena realización da súa tese doutoral na Misión Biolóxica de Galicia (MBG) titulada «Especifidade na comunicación química entre plantas en resposta á herbívora e á infección por patóxenos», grazas a unha beca FPI (contrato predoutoral para a formación de futuros doutores). Un traballo de investigación que complementa cun vídeo didáctico e ameno que foxe dunha terminoloxía técnica.

—En que momento comeza a súa incursión no eido da investigación?

—A miña primeira achega á investigación pura e dura foi durante a realización do meu traballo final de grao, no departamento de Bioloxía Celular e Ecoloxía da USC, onde participei nun estudo sobre os efectos do cambio climático no éxito invasor da planta Carprobotus edulis, coñecida como uña de gato.

—A que proxecto leva vencellada máis tempo?

—Pois xa levo máis de tres anos no proxecto no que estou, un estudo da comunicación entre plantas. Agora no meu cuarto ano xa vexo o final do camiño, no que levarei a cabo un experimento que me permitirá pechar os obxectivos deste proxecto. En dito experimento comprobarei se a exposición artificial de plantas de pataca aos compostos volátiles que estas utilizan para comunicarse inflúe na súa resistencia a pragas. Pero é difícil medir en tempo o desenvolvemento dunha investigación, xa que estes anos simplemente sentan as bases de coñecemento precisas para outras investigacións relacionadas que poidan vir no futuro. No campo da ecoloxía o que nos interesa é saber como se relacionan diferentes compoñentes dun sistema, para o cal son necesarios moitos anos estudando as diferentes partes deste, para logo entendelo de maneira interconectada a niveis máis globais e complexos, o que se coñece como perspectiva holística.

—A raíz dese traballo investigador xurde un vídeo, como xurdiu a idea de facelo?

—O vídeo foi creado para o concurso que se chama «Yo investigo. Yo soy CSIC», concretamente para a súa quinta edición, e a idea xurdiu un día na biblioteca da MBG (Misión Biolóxica de Galicia), na que traballo acompañada doutras estudantes. Alí comenteille á miña compañeira Carmen (a actriz que fai de eiruga no vídeo) que me gustaría facer un traballo divulgativo para o concurso, contando os resultados dos meus experimentos, no que elas participasen como nunha especie de obra de teatro. Ela foi a que me animou no primeiro momento, e logo conteillo ao resto das miñas compañeiras (Ángela, Bea, Carla, Elena, Sonia e Xandra) que non dubidaron nin un segundo en participar, de feito estaban entusiasmadas coa idea. Destacar tamén a colaboración de Berto e Diego que estiveron detrás das cámaras, axudaron na gravación e montaxe.

—É un xeito máis ameno de achegar ao público un proxecto de investigación?

—Claro. Paréceme moi importantes estas iniciativas que nos animan a facer divulgación, ao ser parte fundamental da nosa labor, e achegar a ciencia ao público xeral, que non están tan familiarizados con estes temas. Ferramentas que serven para todos, para que se entenda a importancia da investigación, a súa aplicación no mundo real e para que a ciencia non se quede só no papel.

«Temos que facer ciencia na casa, aportar aquí os coñecementos para que o país medre»

Para a bióloga lalinense a edición do vídeo sobre a exposición artificial de plantas de pataca tamén supuxo facer unha especie de metáfora sobre a riqueza lingüística que existe no noso país «a través do experimento de comunicación entre diferentes variedades de pataca, xa que aínda que semella que utilizan diferentes compostos para comunicarse, reciben mensaxes das súas compañeiras de igual forma», explica. Unha peza audiovisual que está gustando moito ao público de todas as idades, «o que me fai moita ilusión porque buscaba que puidese ser comprendido pola cativada e adultos».

O proxecto de investigación de Lucía Martín foi ideado por Xoaquín Moreira, director da tese, que escolleu a pataca como especie de estudo pola súa importancia a nivel alimentario, cunha produción anual de máis de 359 millóns de toneladas, según a FAO (organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación). O estudo de comunicación, dentro dun contexto actual de cambio climático no que a poboación mundial medra, «é importante desenvolver produtos de uso agrícola que sexan sostibles a nivel medioambiental, e que permitan reducir a aplicación de pesticidas químicos», comenta.

Nos plans de futuro desta xove bióloga está a posibilidade de continuar coa súa carreira científica pedindo algunha beca de formación posdoutoral, ou apostar por algún contrato que xurda, pero se é posible «facendo ciencia na casa, no noso país, a poder aportar os nosos coñecementos aquí, para que o país medre». E un par de liñas para formular unha petición: «investir máis na financiación dos proxectos e na estabilización do persoal científico, aumentando o número de prazas e de contratos nos diferentes centros e universidades».