«Pola cabeza pasounos o peor»

Francisco Espiñeira Fandiño
Francisco espiñeira A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

O ex edil repasa as súas lembranzas do intento de golpe de Estado

27 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Gonzalo Vázquez Pozo (1945, A Coruña) foi un dos anónimos que puxo o seu grao de area para que o golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981 fracasara. Mentres moitos dos políticos da primeira fila de entón optaron por un perfil baixo, el, xunto coa súa compañeira concelleira, elixiu defender a bandeira da democracia desde o seu despacho como tenente de alcalde de Relacións Institucionais e Participación Cidadá na segunda planta do pazo de María Pita. O día do 30.º aniversario da intentona golpista do tenente coronel Tejero, Vázquez Pozo acudiu ao edificio do Concello para rememorar aquel día no que a democracia estivo en perigo. «A verdade é que en ningún momento tiven sensación física de medo. Foi todo tan rápido que teño a sensación de que fixen o que tiña que facer», explica o que fora edil polo POG, xunto con Pura Barrio.

«Os máis temerosos aqueles días foron os que viviran a

Guerra Civil»

-¿Que lembra daquela tarde do 23-F?

-Eu estaba no meu despacho do Concello traballando nos asuntos do día. Tiña a radio posta, porque era a sesión de investidura de Leopoldo Calvo Sotelo e oín como entraban no Congreso os gardas. Pensei de inmediato nun golpe militar. Non se coñecía a extensión nin nada parecido, pero pola cabeza pasounos a todos o peor.

-¿Como reaccionou?

-Baixei de inmediato á alcaldía, pero o rexedor, que entón era Domingos Merino, co que gobernabamos en coalición, estaba fora. Chamei a Rafael Bárez (concelleiro do PCE) e quedamos en reunirnos minutos máis tarde. Primeiro fun ao Goberno Civil, onde había outra xente, para poñerme a disposición do gobernador, Gómez-Aguerre, e dicirlle que estaba alí para loitar pola democracia e os dereitos constitucionais. Xunteime logo con Pura (Barrio), que era a outra concelleira que estaba en María Pita aquela tarde e o meu partido, o Partido Obreiro Galego, organizou unha asemblea de urxencia aos poucos minutos do golpe para ver o que íamos facer dentro daquela sucesión de feitos tan perigosos.

-E quedaron.

-Si. Había poucas alternativas. Acordamos que os cargos electos íamos permanecer á fronte dos nosos postos para defender a constitución e Pura e máis eu viñemos para o Concello, onde estaban os xornalistas José Antonio López de Alba, Luis Pita e Manolo Rivas, que era o xefe de prensa do goberno local. Logo chegaron Rafa Bárez e Antonio Remeseiro (os dous do PCE) e vimos a moita xente que sufrira a Guerra Civil e que non podía retirar o medo da súa memoria nunha época ademais especialmente convulsa, con ETA matando xente a diario, unha crise económica galopante e a situación política complexa que había. Moita xente que vivira a clandestinidade optou por facer as maletas e marchar e outros moitos empezaron a prepararse por se había que fuxir.

-¿Sufriron amenazas ou represalias dalgún tipo?

-Non dou moito tempo. O máis extemporáneo foi a presenza dalgúns ultradereitistas circulando pola praza de María Pita en sentido contrario facendo sonar as bocinas e con algúns berros malsoantes. Os militares tiveron un comportamento normal, porque os máis perigosos estaban fora ou esperando outro tipo de situacións.

-¿Que pasou logo?

-Ao día seguinte fixemos un pleno de repulsa do golpe e en defensa da democracia, que foi respaldado por unanimidade. Aquel goberno local durou uns poucos días máis, hasta que unha moción de censura acabou co goberno de coalición que encabezaba Domingos Merino para nomear como novo alcalde a Joaquín López Menéndez, da UCD. Logo chegou a manifestación da capitalidade, en xuño, e a primeira vitoria por maioría de Paco Vázquez, en 1983.