«Estiven sete horas na auga do Aquarium coruñés para unha rodaxe»

La Voz

A CORUÑA

09 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

-¿Cando hai catorce anos comezou Viñetas do Atlántico pensou que tería tanto éxito?

-Non. Unha das cousas nas que lle insistía a Paco Vázquez na primeira edición é que non podiamos ser cortoplacistas. Acordamos garantir tres edicións, aínda que houbese un baleiro nas salas, e intentar pasar dos 15.000 visitantes. Na primeira edición logramos 20.000. Na última que fixemos reconto alcanzamos os 75.000, e a partir de aí deixamos de contalos porque non había forma de facelo.

-Hai moita xente que coñece só a banda deseñada a través de Viñetas.

-Claro, porque se tivésemos 75.000 lectores viviriamos na gloria, pero sempre hai unha pequena porcentaxe que se capta como afeccionado.

-Incluso houbo a posibilidade de que A Coruña acollese un museo do cómic.

-Estivo moi perto cando César Antonio Molina foi ministro de Cultura. Desde o ministerio dixéronnos que, se poñiamos o edificio, se instalaba aquí o Museo Nacional do Cómic. Fomos incapaces de encontrar un lugar a pesar de que estaba a punto de caramelo. Xa é un tema que din por pechado.

-Volvendo as súas relacións entre a súa obra e os animais, chegou a somerxerse no Aquarium coruñés.

-Foi para o making off da película De profundis. Quince días antes de que soltasen a Gastón o tiburón, aínda que estaba a femia, que tamén é un bicharraco. Metémonos ás catro da tarde e acabamos ás once da noite. Foron sete horas metido dentro da auga.