«Non vexo a moción de censura: pola mala relación da oposición e porque hai que xustificala»
A CORUÑA
«Aínda non desbotei a posibilidade de facer en seis meses todo o comprometido: o orzamento desde logo, o PXOM...», asegura Benito Portela
23 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Despois dun fin de mandato convulso, no que a minoría do goberno do PP de Ernesto Anido e os ataques do PDSP de Ramón Rodríguez Ares propiciaron un ano cheo de sobresaltos políticos e graves acusacións que aínda están pendentes de que resolva a xustiza, o alcalde de Sadamaioría, Benito Portela, que chegou precisamente ao cargo grazas ao apoio do exalcalde franquista, di que os primeiros cen días foron «moi tranquilos e naturais».
-¿Sorprendeuno iso?
-Non, eu sabía que a xente ía estar á expectativa. Creo que imos facendo as cousas pouco a pouco e non imos desencamiñados. Xa se viu nos plenos, que o voto foi practicamente unánime.
-¿Algunha decisión especialmente difícil?
-Non, porque as decisións especialmente difíciles tomaraas o pleno da corporación. Eu por decreto de alcaldía non tomo...
-¿E cales van ser?
-O orzamento, o plan xeral, modificacións na relación de postos de traballo do Concello... Imos ter que demostrar a nosa capacidade para chegar a acordos.
-¿Cumprirán o pacto de goberno e levarán a pleno o PXOM e orzamento este ano?
-Aínda non desbotei a posibilidade de facer todo nos seis meses. O orzamento desde logo; a idea é levalo a pleno o seguinte mes. E o plan xeral, cando teñamos feitos os cambios precisos...
-¿E iso cando vai ser?
-Teremos que acordalo con todos os grupos. Nas comisións de urbanismo aínda non falamos de temas particulares e non entramos en posibles discrepancias.
-A oposición está tranquila...
-Porque non atoparon resquicio. Tampouco vexo ningún punto polo que puideran facer un ataque frontal. E onde puideron intentaron. E non poño exemplos.
-¿Pero pensa que a sombra da moción de censura planea xa?
-Non podo pararme a pensar iso.
-Pero gobernan en minoría e hai nove concelleiros de dereitas que, aínda que non se entendan, poden chegar a facelo...
-A moción de censura non a vexo probable, polo menos nun escenario temporal próximo, e ademais hai que xustificala: non vas presentar unha moción de censura se o goberno está funcionando.
-Pero ás veces ocorre...
-Se teñen a tentación de calquera moción, a cidadanía ten que escoitar unha xustificación.
-¿A mala relación entre PP e PDSP blinda o goberno local?
-Non creo que sexa só por iso. Hai máis cousas. Hai que presentarse a unas eleccións no 2019 e hai que xustificar a moción ou facelo mellor que o anterior.
-¿Cal foi o seu peor momento?
-O momento máis difícil desde que son alcalde foi cando Blanca [Vázquez, edila de Emprego] me dixo que non podía continuar. Pilloume de sorpresa porque pensei que ía poder facer compatible o seu traballo no Concello co seu horario laboral. Foi iso: non lle dan horas libres para estar cos funcionarios pola mañá.