O escritor Antón Lopo recolle o premio de narrativa breve Repsol polo seu relato «Extraordinario»
A CORUÑA
O xurado destacou a gran riqueza léxica da obra premiada
04 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O escritor e xornalista lugués Antón Lopo (Monforte, 1961) recibiu onte o premio de narrativa breve en lingua galega Repsol polo seu relato Extraordinario, unha obra «sólida, atractiva e ben narrada», segundo destacou o xurado no fallo. O acto tivo lugar na sede da Fundación Paideia, na Coruña, nun encontro que serviu tamén para presentar a obra publicada -de feito, pode xa atoparse nas librerías- polo selo Galaxia. O premio -na súa 12.ª edición- dispón tamén dunha dotación económica de 12.000 euros e conta co apoio de Fundación Repsol e a colaboración da Xunta e de Galaxia.
O portavoz do xurado, Xoán Babarro, eloxiou a obra, especialmente, a súa particular riqueza léxica, «así como os valores estilísticos relacionados coa sintaxe, que se visualiza a miúdo a través dunha puntuación orixinal». O uso da primeira persoa, a distribución do texto en noventa notas de desigual extensión e o ritmo narrativo moi conseguido, anotou Babarro, «facilitan a lectura e acaban atrapando o lector».