A Coruña na COP25: «A concienciación medioambiental precisa de símbolos como Greta Thunberg»

Mila Méndez Otero
mila méndez A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

paco
CESAR QUIAN

Paco Franco participa o venres na Conferencia da ONU sobre o cambio climático, que terá representación coruñesa da man do Aquarium Finisterrae

04 dic 2019 . Actualizado a las 08:05 h.

Non oculta os nervios. «Estreámonos», conta Paco Franco del Amo, o director técnico do Aquarium Finisterrae. O museo científico coruñés é un dos convidados ao Cumio do Clima COP25 de Nacións Unidas, que se celebra en Madrid. Xunto co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, aportarán a experiencia galega. El intervirá o venres nun simposio dedicado aos océanos. A «crise climática», tranquiliza, ten solución.

-Por que os convidaron?

-Participamos en calidade de expertos en divulgación científica relacionada co océano. Traballos a nivel local, cos centros educativos, desenvolvendo actividades informativas sobre os plásticos ou as consecuencias do quecemento global sobre as especies mariñas. Temos un enfoque que entronca coas solucións contra o cambio climático.

-Cal é ese enfoque?

-Xeralmente, subliñan o problema e pouco as solucións. A xente vese abafada pola magnitude do problema, pensan que non se pode facer nada e non se mobilizan. Nós facemos a aposta en positivo. Ofrecemos alternativas para contribuír a solucionar a crise climática. Unha delas foi o programa Mr.Goodfish, bo para o mar e para ti! Unha iniciativa dentro da rede World Ocean Network, da que formamos parte e que foi a promotora do Día dos Océanos, que se celebra o 8 de xuño. No canto de elaborar unha lista vermella das especies que non se poden consumir, fixemos xusto o contrario. Unha listaxe das «verdes», das que non hai risco de desaparición por sobrepesca.

-Víveno coma un premio?

-É un recoñecemento, sobre todo, ao noso labor educativo. Unha das nosas marcas de identidade, de todos os Museos Científicos Coruñeses. Imos contar o que facemos, establecer simbioses, é unha oportunidade excepcional. Implica que temos algo que contar na COP25.

-Que fai especial ao Aquarium? Non é o máis grande de España, pero si pode ser...

-O que máis o distingue é que é un híbrido entre un centro de ciencia e un acuario. Aquí non só hai tanques con animais vivos. As nosas exposicións son museográficamente máis ricas, con elementos interactivos, pezas de todo tipo... No ámbito español, non teñen parangón. Somos moi orixinais.

-Hai solución ao cambio climático?

-Si, si que hai. Algunhas solucións virán da man da tecnoloxía. Cada vez é máis verde, tamén as propias compañías que traballan con combustibles fósiles poden contribuir. Verán unha oportunidade de negocio.

-Por que non se ve como un problema propio?

-Esta é a primeira vez na historia na que hai que enfrontarse a algo que está a suceder en todo o globo. Hai que pór de acordo a moita xente. Pensa en global, actúa en local. Ese é o outro enfoque que adoptar. Os agricultores e pescadores galegos teñen problemas derivados do cambio climático. O futuro do teu emprego e benestar económico depende de que determinados recursos sigan estando dispoñibles. Ese é o enfoque que hai que subliñar. Que as inundacións poden asolagar Pescadería ou o porto da Coruña, como mostra o mapa interactivo publicado en Nature.

-Hoxe xa non está tan mal visto presumir de ser «verde»?

-A actitude fronte o verde cambiou moito. Antes, non parecía posible conxugar o verde co emprego ou cunha actividade económica de calidade. Mudou a perspectiva. Temos conciencia de que somos o que comemos, pero tamén onde vivimos. O medio ambiente pódete agredir tanto como unha mala comida, chea de colesterol. En España imos ter os primeiros refuxiados climáticos no Delta do Ebro. Xa non é un conto de catro hippies, está diante da túa casa.

-Coincidirá na COP25 de Madrid con Greta Thunberg?

-É posible! Greta ten moitas críticas, de moitos sectores, pero a min paréceme necesaria. É un símbolo moi interesante para representar un feito excepcional e novo: a mobilización a nivel mundial da xuventude para resolver os problemas medioambientais. Iso nunca tivo lugar a esta escala na historia do conservacionismo. Moitas das críticas son porque non é científica. Non ten que selo. As campañas de concienciación medioambiental precisan estes símbolos, mobilizan á xente. A xuventude está moi concienciada. Isto xa é parte da solución. Os Venres polo Clima van crecendo. Estes mozos van ser os directores de empresa do futuro, os museógrafos do futuro, os científicos do futuro. E virán co chip medioambiental posto.