Sara Martínez Bello gaña o Premio de Poesía Filomena Dato coa obra «Eira»

La Voz BERGONDO

A CORUÑA

A gañadora Sara Martínez Bello.
A gañadora Sara Martínez Bello. atr

O galardón ten unha dotación económica de 2.500 euros e a publicación do poemario

05 oct 2024 . Actualizado a las 17:57 h.

Sara Martínez Bello resultou gañadora do V Premio de Poesía Filomena Dato, convocado polo Concello de Bergondo, grazas ao poemario EiraO xurado, integrado por Alejandra Pérez Máquez, presidenta (sen voto), Dores Tembrás, Lois Pérez e Noelia Gómez, como vogais, deliberaron a vitoria do conxunto poético de Sara Martínez Bello valorando do mesmo que se trata dunha «lectura que sostén o interese da lectora de comezo a fin, polo traballo coa memoria apoiándose na presenza do sensorial sen caer en tópicos e revelando conceptos como a violencia contida e a dignidade do común, o desenvolvemento dunha psicoxeografía propia, o uso coidado da linguaxe». Igualmente, o xurado salientou o «emprego e control de diferentes estruturas do poema que desembocan nunha conxunción entre forma e fondo, subliñando unha sensación de verdade».

 O premio ten unha dotación económica de 2.500 euros e a publicación da obra pola editora Apiario na colección de poesía Filomena Dato. Apiario é a encargada de coordinar este concurso de poesía e tamén levará a cabo a publicación da obra gañadora asumindo todo o proceso: deseño, imprenta, distribución e promoción.

A través deste galardón, o Concello de Bergondo suma o seu gran de area na promoción de certames que impulsan a creación poética en galego, así como a manter en vigor a figura histórica de Filomena Dato Muruais (1865-1926), muller fundamental no movemento literario do Rexurdimento e á que se lle dedicará o ano 2026.