As leccións herdadas de Sés: «Os maiores ensináronme a cuestionar e a escoitar»

Alejandro García Chouciño
A. G. CHOUCIÑO A CORUÑA

A CORUÑA

A cantautora aproveitou o Día Internacional das Persoas de Idade, da man da Cruz Vermella, para contar as súas vivencias interxeracionais e o que lle achegaron

10 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A cantautora María Xosé Silvar, máis coñecida como Sés, aproveitou o Día Internacional das Persoas de Idade para contar as súas vivencias interxeracionais e o que lle achegaron. Como as clases de pandeireta e música que impartiu con 23 anos a un grupo de mulleres na montaña coruñesa: «Había mulleres de 50 anos e outras de 80 e algo. Cando cheguei, alucinei. Cravoume na alma a señora Rosa. Ela sempre me chamaba mestra. Díxenlle que non facía falta, pero respondeu: “É que eu nunca tiven unha mestra”. Esa é a realidade. Non sabían escribir o seu nome, pero sabían moito. Aprendín moito delas», relatou como convidada na segunda edición de En primeira persoa, organizado pola Cruz Vermella na sede da Fundación Paideia.

Nun mundo plenamente cambiante, onde a tecnoloxía manda, a artista chamou a enriquecerse da sabedoría inmaterial como loita contra as soidades tanto nas xeracións novas como nas maiores. «Rabia ao silencio foi un disco de versións con aquelas persoas e autores do pasado que me ensinaron o máis importante, que é cuestionar. Non que pensar, senón a pensar. Sempre cuestionar e escoitar persoas que non pensan coma ti. É a única vía real para unha sociedade feliz. Falar e escoitar», explicou. Sés tamén confesou que traballou na urbe no programa Xantar na casa. «Dos traballos máis bonitos e máis duros que tiven. Falaba moito con aqueles que sabía que era a única persoa que verían en todo o día. Non facelo como beneficencia, porque non é unha cuestión de caridade, senón de interese. Porque me enche axudar e me enriquece como persoa», afirmou.

Orfa de pai desde nova, tivo que medrar cos seus avós. «Unha das miñas avoas emigrou nos 60 a Inglaterra. Ela escoitaba a Tom Jones e a outra tiña como referente a Manolo Escobar. O diálogo coa miña avoa era continuo e tiñan que me cortar o teléfono. Sentíame comprendida. Hai xente maior con 20 anos e xente nova con 100. Temos unha idea moi conservadora sobre eses aspectos. Meus avós paternos e maternos eran moi diferentes, pero levábanse moi ben», sinalaba a cantautora ante un público maioritariamente novo. «Pensamos que nunca teremos 70 anos e non teremos engurras, pero o coláxeno é infiel. Todos somos todos. Cumpro 42 anos pronto, pero cos 45 hai un declive cognitivo», engadiu.

EDUARDO PEREZ

Por iso a importancia de axudar e apoiar aquelas persoas que sofren da soidade non desexada ou que non dispoñen dos coñecementos ou ferramentas para desenvolver o seu día a día. «O voluntariado é transcendental, e o exemplo por excelencia. Cando te achegas con interese real a calquera ser humano, de calquera idade, vas atopar máis semellanza que diferenza. Grazas! —polas persoas voluntarias que había na sala— sodes ultranecesarias», afirmou Sés entre os aplausos do público.