
O proxecto Concomitentes permite á cidadanía de Betanzos encargar unha obra de arte para a súa vila, igual que no cambio de século fixeron os irmáns García Naveira
29 mar 2020 . Actualizado a las 18:13 h.Volveron co alcume de indianos cando estaba a piques de abrollar un novo século e utilizaron a riqueza que labraran no outro lado do océano para mellorar a vila que os vira medrar. O labor filantrópico dos irmáns García Naveira construíu tamén un dos parques máis fermosos e enigmáticos que existen, un compendio de lugares exóticos e de grandes progresos do ser humano. Hoxe, declarado ben de interese cultura e agardando a que se deteña o seu evidente deterioro, segue ser «un exemplo de mecenado». Fran Quiroga é mediador nun proxecto que vén afondar nese labor filantrópico que sementaron os irmáns betanceiros. Concomitentes quere que sexa a cidadanía a que comanda que un artista desenvolva unha obra de arte. O mecenas, neste caso, é a veciñanza.
Concomitentes é algo así como o metamecenado, porque o proceso participativo que se abriu para que a comunidade betanceira escolla obra de arte é parte dun gran proxecto de filantropía da Fundación Daniel e Nina Carasso coa que xa se ten intervido dende os anos 90 en máis de 400 espazos en toda Europa e que por primeira vez chega a Galicia.

«O que se busca é democratizar a arte. Que no canto de que sexa a burguesía ou alguén con recursos económicos a que pida que se desenvolva unha obra, se lle dea a volta e sexa a cidadanía a que pida a obra». Ao longo dos últimos meses desenvolvéronse unha serie de reunións participativas. Non é só unha obra. É reflexionar sobre o compromiso cun importantísimo legado que non recibiu o coidado que debera e a corresponsabilidade. E faise de moi diversos modos, como durante unha paseo, a través dunha conversa sobre arte e cidadanía e ata durante unha foliada.
É un xeito de paliar a desconexión que hai entre arte e cidadanía implicando tamén á sociedade civil a través das asociacións os Amigos do Parque do Pasatempo os do casco histórico de Betanzos e Roxín Roxal.
«Queriamos saber que busca profundamente a xente coa obra». E emerxeron ideas como que a obra debe de atender a un reto contemporáneo, como facían as obras dos irmáns García Naveira. Emerxeu tamén a idea de participación, que a obra vaia nesa liña e tamén na de aprendizaxe, como o mesmo parque do Pasatempo. Agora queda saber que artista culminará este proceso, que en si é tamén parte da obra de arte.

«Os públicos son moi amplos e os da arte contemporánea non só ten que ser a o comunidade artística per se, senón o conxunto da cidadanía», explica Fran Quiroga. «Temos que ver que mecanismos pomos en marcha para que a xente se sinta parte». Como o proceso artístico de Betanzos, que incorporou o feito artístico a un proceso que agroma dun elemento que une á cidadanía, como o Pasatempo.
E volta ao mecenado. «O mundo da arte e o sistema cultural ten unha dependencia moi grande da Administración» e contar con outras vías de financiamento daría moita más liberdade de creación.

Un substrato presente nas comisións de festas populares
Fran Quiroga foi, canda María Xosé Porteiro, un dos coordinadores da xornada sobre o mecenado que organizou o Consello da Cultura e que vén de publicar as súas conclusións. «Os museos públicos e as institucións teñen que atender estas demandas cidadás. E temos que ver outros mecanismos que nos permitan crear en liberdade». E un deles é o mecenado.
Que mecenado? «Un con compromiso social, un mecenado que atenda aos retos contemporáneos nos que vivimos», explica Quiroga, como cambio climático ou a desigualdade. E que contribúa á corresponsabilidade, «que todos sexamos corresponsables na procura de solucións». Aquel que teña máis recursos ou capacidades debe contribuír máis.

O mecenado non calla porque non é parte da nosa cultura? «Nós asumimos que a través dos impostos o Estado ten que desenvolver ese papel». Porén, a sociedade fai ese mecenado, ten un substrato: «Un claro exemplo son as festas populares, nas que a veciñanza contribúe e hai esa idea de mellora e benestar, ou mesmo os equipos deportivos de barrio, de base». Ou as máis de 250 escolas que foron construídas polos indianos. «Xa hai unha cultura de ese mecenado, o que precisamos é alentala e impulsala». di o coordinador da xornada. O desafío é que ese substrato histórico na poboación galega tamén debe alentar proxectos máis arriscados, máis experimentais, con vías cruzadas, como por exemplo a arte e a ciencia.
En realidade, xa está funcionando, e funciona por exemplo con iniciativas de micromecenado, co que se dotan de recursos incluso proxectos científicos. «É esa clara transposición dese concepto das festas a outro tipo de proxectos», explica Quiroga. «O mecenado non é só unha cuestión de ricos, é unha cuestión de todos» e é importante ter conciencia do papel que a cidadanía ten na mellora e o beneficio súa contorna.