A revista «Salghadoiro» reúne a decenas de talentosos mecos na Galería Besada
BETANZOS
Esta nova publicación de xerme grovense espertou grande expectación
28 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A presentación da revista Salghadoiro espertou onte no Grove unha grande expectación entre decenas de cidadáns mecos que non quixeron perderse o seu nacemento e facerse co seu primeiro exemplar, cunha portada creada a grafito e óleo polo artista Carlos Besada que ten ao cociñeiro Javi Olleros como protagonista e ao deseñador Rubén Prol como autor da cabeceira.
A publicación arrincou a súa andaina con boa acollida entre os presentes, coa intervención de todos os membros que se atopan tralo proxecto: o pintor meco, a ilustradora Andrea Menéndez, a fotógrafa Míriam Barral a cargo da imaxe, a produtora Mardefondo e o seu responsable, Víctor Gallego. no apartado audiovisual, o deseñador e redactor multidisciplinar Lino Prieto e a redactora Leticia Castro, a cargo tamén da maquetación. Foron arroupados por todos aqueles que forman parte do seu contido, que dunha ou doutra maneira están vinculados ao Grove, así como por moitos veciños e os patrocinadores que confiaron a cegas no proxecto.
Nas páxinas do primeiro Salghadoiro tiveron voz artesás como Montse Betanzos e Camiño do Río, artistas como Diego Vites, espazos colectivos como Grovemakers ou iniciativas arredor da ilustración como Cestola na Cachola e proxectos escénicos como As dúas e punto. O apartado musical corre a cargo de The Limboos e a tipografía vén da man da Fontoira e os seus creadores, afondando na historia de Ricardo Fontoira, o mariñeiro que foliaba do seu puño e letra os barcos, e pechando a edición un texto de auto ficción de Laura A'Parrula. O equipo quixo destacar na presentación «o potencial existente na vila no eido creativo, así como a multitude de proxectos da costa galega, que xa temos anotados para os vindeiros números».