Juan Varela, organizador de FFoco: «A fotografía é a disciplina na que podemos reflectirnos a nós mesmos como sociedade»
A CORUÑA CIUDAD
A desindustrialización captada en Gales por Bandia Ribeira e Sebastián Bruno protagonizan as mostras desta oitava edición do festival que se celebra na Coruña
30 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Novembro é sinónimo de fotografía na Coruña. O avalan as mostras internacionais da Fundación MOP e da Fundación Barrié. Pero tamén con iniciativas como o Festival FFoco, que este ano celebra a súa oitava edición. «O balance é moi positivo porque pensamos que estamos a contribuír un pouco a asentar o mes de novembro como mes da fotografía na cidade. Non só polo noso festival, senón tamén porque hai outras propostas como a impulsada por Marta Ortega, que presenta un proxecto expositivo que é un luxo para a cidade. Este ano é Irving Penn, un dos grandes retratistas da historia da fotografía. Ou a Fundación Barrié, que tamén recentemente inaugurou a mostra Nick Knight. Nós o que queremos é que, durante un tempo, A Coruña ofreza unha programación expositiva que achegue esta disciplina á cidadanía», afirma Juan Varela, organizador xunto con Amador Lorenzo, de certame. No seu caso, apostan pola fotografía documental, que permite abordar temas de interese social e profundo calado. «Este ano, coa cidade afrontando un gran reto de futuro como é a transformación da fachada marítima, presentamos dous proxectos expositivos: o de Bandia Ribeira e o de Sebastián Bruno. Eles foron compañeiros de estudos en Gales e alí desenvolveron un traballo con protagonistas, escenario e temática similar, que tamén son os procesos de desindustrialización e como afectan ás paisaxes e sociedades. Desenvolvérono nun mesmo lugar, pero con resultados radicalmente diferentes», sinala Varela.
O organizador explica que Bruno «aposta por un documentalismo moi puro, en branco e negro, moi delicado e sensible. Mentres que Bandia traballa en cor. Esa é xa a primeira diferenza. E a súa proposta son imaxes ás veces máis duras, coma un golpe no ollo do espectador».
Varela e Lorenzo resaltan que para o certame sempre buscan «eses temas que nos permitan reflexionar un pouco. Sempre dicimos no festival que a fotografía é a disciplina na que podemos reflectirnos a nós mesmos como sociedade. Non queremos deixar ningunha temática de lado por moi controvertida que poida ser. Por exemplo, tamén temos un programa de proxeccións na Filmoteca de Galicia, onde imos falar de temas como o modo de vida da xeración Z, a prostitución e outras temáticas de todo tipo. E na propia Fundación Luís Seoane imos ter unha mesa aberta con proxeccións e debate en torno á fotografía e o turismo: como as imaxes constrúen este imaxinario en torno aos destinos turísticos e contribúen ao turismo de masas, así como a situación á que chegamos hoxe en día», detallan.
Selos galegos
Aproveitando o festival, a Fundación Luís Seoane acollerá o sábado 2 de novembro unha feira editorial. «Os fotolibros son obxectos un pouco especiais para aquelas persoas ás que lles gusta poder tocalo, palpalo, ver o tipo de papel no que foi producido, a encadernación... Son proxectos nos que non só se coida o traballo fotográfico en si, senón que tamén todo ese proceso de edición ten un valor diferencial. Son un tipo de libros que non sempre son moi accesibles e que non adoitan chegar ás librarías convencionais», sostén Varela. De feito, acoden selos galegos especializados en fotografía, «que hai varios e moi bos, recoñecidos internacionalmente», engade.
No marco desta feira presentarán Entre as augas, de Ana Núñez, gañadora do Premio Editorial Fotografía Documental Galega do 2022. «É unha iniciativa que realizamos para impulsar a produción de fotolibros en Galicia e en clave galega. Estes libros, coma a fotografía en si, permítennos contar quen somos nós como sociedade galega e pensamos que debemos ser nós, e non outros, os que nos contemos a nós mesmos. Este ano é a cuarta edición e contamos coa Fundación MOP que, por primeira vez, que financia este premio. É un luxo», sinala Varela.
A convocatoria deste ano aínda non está resolta. «Recibimos case medio centenar de proxectos e o xurado está deliberando. É un xurado moi comprometido que revisa todo con moito coidado, tempo e reflexión. Porque logo seleccionamos ata un máximo de oito finalistas aos que lles damos feedback. As pautas e ideas que o xurado ten sobre eses proxectos», matiza.
Para a clausura, o sábado ás 21.30 horas, recuperan a música. «Imos pechar cun proxecto que se chama Robot City, onde Salvador Rojo pon a música con ritmos hipnóticos, electrónicos e tecno creados por computadora. Colabora cunha videocreadora chamada Caskabel, que aproveita as imaxes de Bandia e Sebastián para facer con elas unha nova composición visual. Unha videocreación en directo», avanzan os organizadores.