É interesante ver o compendio das prácticas urbanísticas desde o arco temporal democrático, porque atoparemos significativos contrastes. O Concello de Oleiros viviu, como todos os municipios limítrofes coas principais cidades, un notable crecemento demográfico mercé á incorporación dunha poboación de rendas medias e altas que apetecía a proximidade da costa, xardíns e campo. Oleiros foi quen de canalizar ese empuxe a través do planeamento, a diferenza doutros que optaron por medrar de forma desorganizada e insolidaria.
O resultado, visto desde esa perspectiva dilatada, é unha mestura do crecemento das urbanizacións con áreas rururbanas articuladas por rueiros e construcións antigas. O tecido tradicional mantívose, transformándoo nalgúns casos con viarios colectores de tráfico entre rúas e beirarrúas pouco transitadas, frondosas pantallas vexetais e doseis arbóreos, bordes marítimos coidados en liñas xerais, e cun alto nivel de equipamentos sociocomunitarios.
Se en Oleiros saíu ben foi por unha conxunción de circunstancias: un goberno e un alcalde que creron no planeamento e a súa xestión, a concepción de Juan Luis Dalda, vinculado a algunhas das experiencias máis significativas do urbanismo galego, e o afán de funcionarios como Rafael Astor, coidador da natureza e o patrimonio e consciente da importancia do deseño dos espazos para garantir o futuro. Rafa Astor estaba particularmente orgulloso do miradoiro de Nirvana sobre Bastiagueiro, que fomos visitar na súa memoria. E como non mencionar a implicación dos cidadáns e un sector inmobiliario que seguiu as determinación do plan xeral en aras dun crecemento axeitado.
Seguindo a costa, confiamos na anunciada mellora ambiental da ría do Burgo e na prometedora remodelación do porto. Chegamos ao Orzán e visitamos no Museo de Belas Artes After the whale. Manuel Vilariño crea un fío narrativo que discorre entre a vida e a morte. A irrupción das fotos, vídeos e obxectos nas salas do museo invita as obras a espertar do seu quietismo, xerando inquietudes necesarias. Fotografía, poesía e filosofía son un todo, fundidas pola música de Messiaen e Takemitsu interpretada por Hiwot Vilariño con sutil xesticulación dos ombros e a mirada. Fronte ao resplandor estival das praias, da mostra emana un fulgor de paisaxes mansas, xogos de sombras como ectoplasmas, despoxos animais sobre intensos fondos cromáticos, rostros expresionistas de mulleres. A materia morta é un asunto do pasado, o vivo é competencia de hoxe, e a mistura de ambos permite entender a nosa existencia.