O Concello pide colaboración para tomar medidas contra «eses delincuentes»
17 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, criticou este xoves que alguén cortara a cadea que impedía o acceso ao novo paseo entre O Paraíso e O Seixo realizado dentro do proxecto de dragaxe da ría, xa que entenden que a obra non está rematada e as zonas de conexión supoñen un perigo.
Mostrouse moi crítico coas persoas que todos os días «van polo paseo, cortan as cadeas e sacan os valados». Remarcou que «alí hai un perigo real de que se caian na rampla». «Hai uns individuos, que colleremos con total seguridade, e esta noite (a do mércores) foron cunhas cizallas e cortaron as cadeas para que se pasara por ese paseo que non ten conexión e non foi recibido polo Concello, polo que non imos a ser responsables do que pase nesa zona», advertiu.
García Seoane pediu a colaboración veciñal para conseguir imaxes de quen aparta os valados postos polo Concello nos dous extremos e poder «tomar medidas contra eses delincuentes».
As Galeras
Por outra banda, o rexedor tamén recoñeceu que «hai unha situación de enfrontamento da Xefatura de Costas da Coruña contra o Concello de Oleiros» e vinculou a falta de autorización para o arranxo do cantil das Galeras a esa situación. «Non poñen máis que trabas e estamos para reparalo dende decembro», dixo, explicando que os temporais fixeron que caeran dúas árbores grandes. «Imos ir para adiante para impedir que se corte o paseo dende Santa Cruz ata As Galeras», avanzou García Seoane, que dixo que nunha situación de risco, como esta, o Concello ten autonomía para actuar.