Santaia presenta «A muller de Boisaca» na casa 

LA VOZ OLEIROS

OLEIROS

Un total de 75 músicos e bailadores ofreceron unha mostra do folclore galego para ensinar o seu espectáculo etnográfico

30 jun 2024 . Actualizado a las 20:19 h.

As gradas da pista de Meixonfrío, na localidade de Santa Cruz (Oleiros), quedaron pequenas este sábado para acoller ao público que se achegou a coñecer  A Muller de Boisaca, o novo espectáculo etnográfico do grupo de baile e gaitas local, Santaia. Na súa casa, a agrupación contou nesta ocasión coa colaboración da coral Lembranzas, tamén de de Santa Cruz, e dos actores Kike Vales e Paula Suárez.

Segundo o director artístico, José Luis Vázquez Rosales, «sen o compromiso coa cultura, tradición, historia e identidade galegas, sería impensable levar a cabo este espectáculo etnográfico, onde Santaia pretende chegar ao público dun xeito máis sensible e pasional, de forma que todo o presente poida sentirse partícipe da nosa cultura, tradición e costumes, viaxando no tempo para coñecer de primeira man como vivían os nosos maiores».

Cun misterio por resolver como telón de fondo, a agrupación fixo un repaso do folclore galego e da evolución da súa manifestación popular ao longo dos tempos. O punto de partida é un accidente de tren no que non se atopa o corpo da vítima, senón unha maleta con diñeiro de distintas épocas que guían a investigación ata catro momentos da historia: un serán do século XIX, un acto de inauguración de Santaia en 1982, un espectáculo anterior de Santaia, no ano 2017, para finalizar cunha foliada distópica no 2041.

Ao longo de todo o espectáculo, máis de 75 integrantes de Santaia, ademais da coral e os actores, percorreron o folclore de Galicia, cunha posta en escena alegre, dinámica e colorida, que non deixou indiferente ao público asistente.

A muller de Boisaca é froito do traballo de todo un ano, da man dos mestres de cada unha das seccións de Santaia: Alexandre Ruíz, Pablo Lorenzo e Jaime Faraldo, en gaita; Alexandre Ruíz e Pablo Alonso en percusión; Mar Cancela, Antía Vázquez e Raquel Ríos en canto e pandeireta; e Jose Luis Vázquez, Antía Vázquez e Raquel Ríos en baile.

Como vén sendo habitual, a celebración contou, ademais, coa colaboración do concello de Oleiros e da Deputación da Coruña.

Este espectáculo constitúe o punto de partida para un verán intenso para a agrupación de baile e gaitas que xa ten actuacións previstas, de momento, en Teo (13 de xullo); Póvoa de Varzim ? Portugal (20 de xullo), Santa Cruz (27 de xullo), e en Liáns- Oleiros (25 de agosto), para a celebración do Ramo, nas festas da localidade.