Carlos Callón, profesor: «A persecución dos homosexuais non é de sempre, comeza nos últimos séculos da Idade Media»

VIVIR A CORUÑA

Carlos Callón, autor do libro «Vidas e historias LGBT da Idade Media».
Carlos Callón, autor do libro «Vidas e historias LGBT da Idade Media». Y.G.

O tamén escritor participou o sábado na IV edición do congreso Memoria Diversa, promovido pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña

04 jun 2025 . Actualizado a las 12:53 h.

A IV edición do congreso Memoria Diversa, promovido pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña, puxo o foco nos discursos de odio —novos e antigos— contra o colectivo LGBT. A cita tivo lugar o sábado, e un dos convidados, Carlos Callón, profesor de secundaria e da Universidade de Santiago de Compostela, e autor do libro Vidas e historias LGBT da Idade Media (Xerais), desmontou prexuízos e revelou episodios sorprendentes da historia medieval que poñen en cuestión a idea dunha homofobia «de sempre»

— Que significou para ti participar na IV edición do congreso Memoria Diversa?

— Son moi necesarios e, ademais, o nome xa di moito. A memoria, a necesidade de lembrar de onde vimos para entender o presente e proxectar o futuro. E logo a idea da diversidade, tanto afectivo-sexual como da identidade.

— Que che levou a investigar sobre a realidade LGBT na Idade Media? Esperabas atopar o que descubriches?

— Esta investigación foi unha descuberta que me tocou especialmente. Porque primeiro pensaba que só ía atopar críticas contra a homosexualidade, porque era o que tiña escoitado. Pero conforme fun lendo textos e máis textos, vin que o que se nos presentaba era un panorama máis diverso, con moitos ángulos ensombrecidos. Foi un gran combustible para seguir investigando.

— Afirmas no libro que nos primeiros anos da Idade Media a percepción da homosexualidade era distinta á actual. Como se explica esa diferenza?

— Non podo dar unha resposta única. A Idade Media son mil anos de historia. E nese tempo houbo unha época onde a escolla do obxecto sexual non era decisiva até que no século XI aparece a palabra sodomía no concepto de pecado. E isto é moi interesante. Nos primeiros mil anos de historia do cristianismo nin existe o pecado do que hoxe podemos chamar homosexualidade. E chamoume moito a atención. Eu crieime nun colexio de monxas, nunha familia católica, e eu pensaba que era un pecado terrible.

— Cando e como aparece por primeira vez o concepto de sodomía como pecado dentro do cristianismo?

— Nos Evanxeos, nin San Mateo nin San Marcos nin San Lucas nin San Xoán, non hai ningunha soa referencia que Cristo diga nunca «non se deitarán un home con outro home ou unha muller con outra muller». Tampouco di Xesús que unha muller non pode abortar. Entón é moi interesante ver en que momento histórico aparece algo que non está nos Evanxeos. E son os membros da Igrexa quen pasan a considerar a sodomía un pecado máis importante ca calquera dos pecados dos que si falou Xesucristo, como a usura ou roubar. Entón non é o mesmo a percepción da homosexualidade na Idade Media desde que é considerada pecado a partir do século XI. Non é igual a consideración da homosexualidade nas persoas desfavorecidas ca nun nobre. Na literatura trobadoresca galego-portuguesa medieval tampouco nos encontramos con esas condenas á morte. Aínda que en Europa, a partir do século XI, se establece a sodomía como pecado, segue habendo moitas esferas da vida onde non se lle dá importancia. Considérase como un elemento máis das persoas. A verdadeira persecución comeza na Idade Moderna.

— Esa realidade tamén a tiñan as mulleres?

Os homes tiñan a consideración de persoas, mentres que as mulleres estaban nunha situación de invisibilidade, de o que hoxe chamaríamos menos dereitos. E iso explica por que nos podemos encontrar con documentos solemnes de unión entre dous homes, análogos ao que despois se chamaría matrimonio. O documento máis antigo que conservamos na península ibérica da unión entre dous homes está en Ourense, en Rairiz de Veiga. Mentres que non hai documentos semellantes entre mulleres.

— Tiñan más libertadade neses anos as persoas homosexuais?

—  O que pasaba na Idade Media é que as mostras de afecto entre os homes eran normais, como bicarse, ir collidos da man, durmir xuntos. E iso non quere dicir que houbera relacións sexuais entre eles. Estabamos nunha situación diferente na cal a afectividade era vista dunha forma diferente á da actualidade. Cando se advertiu desde a monarquía e desde a Igrexa que esas mostras de afectividade poderían ser indicadores dun pecado gravísimo, é cando esas mostras de afectividade comezan a desaparecer.

— O pecado da sodomía condenou todo iso?

— No século XI aparece o pecado, pero aínda tarda en consolidarse. O propio papa nese momento non vai estar de acordo. Vai tardar en consolidarse. Os séculos XIII e, sobre todo, XIV van ser un momento bisagra no que un pecado que antes non existía se entende como un pecado central; incluso vanse releer pasaxes da Biblia como que falaban diso, pero que non falaban. Foi un pecado tan central que mesmo non era necesario aportar probas para acusar a alguén. E se alguén era acusado diso, era a súa destrución vital.

— Estableces outros momentos bisagra na historia reciente do noso país?

Hai fases históricas onde hai máis intolerancia fronte ás persoas homosexuais, como pode ser no franquismo. Pero na miña investigación neste libro o que se ve é que o rexeitamento ou a persecución dos homosexuais non é natural, non é de sempre. O odio e a persecución homófoba comezan neses últimos séculos da Idade Media.

— Que achados consideras máis impactantes no teu traballo? Poderías destacar algún exemplo que te emocionase especialmente?

Hai moitas, e fáiseme difícil —e nin as descubrín eu. Por exemplo, o casamento entre dous homes en Rairiz de Veiga non era moi coñecido no noso ámbito, pero xa o descubriran nos anos 80 un catedrático de historia medieval de Yale, John Boswell. O sorprendente é que se editase ese texto e que falaba de dous homes que uniron as súas vidas, din eles literalmente: «todos os días e todas as noites dos días, para sempre». Encontrarme con este documento, ver que non era coñecido entre nós... entusiasmoime. Ou mesmo as cantigas que se dedicaban entre homes e ver que houbo editores que decidiron trocar eses masculinos por femininos ou femininos por masculinos.