A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) entregou, no transcurso da Cea das Letras, os seus galardóns ás mellores obras publicadas durante o ano 2008 nas diferentes modalidades literarias.
No apartado de ensaio, o premio foi para Miguel Anxo Murado, pola súa obra Fin de século en Palestina, editada por Galaxia. Xavier P. Docampo foi o gañador en literatura infantil e xuvenil, co título O libro das viaxes imaxinarias, editado por Xerais.
En poesía, o premio foi para Xulio L. Valcárcel, pola súa obra A melancolía dos corpos, de Ediciones de la Sociedad Cultural Valle-Inclán, mentres que, en narrativa, os escritores recoñeceron o traballo de Inma López silva co seu libro Memorias de cidades sen luz, de Galaxia.
No apartado de tradución, Gonzalo Navaza recibiu o premio dos seus compañeiros pola tradución de As flores do mal, de Charles Baudelaire, editado tamén por Galaxia, e Teresa Moure, con Unha primavera para Aldara, editado pola Deputación de A Coruña, gañou na modalidade de teatro.
Ana Romaní recibiu o recoñecemento á mellor traxectoria xornalística, mentres que o premio ao mellor blog literario foi para Marcos Valcárcel, autor de As uvas na solaina. A sección de Literatura do Liceo de Ourense recibiu o premio ás institucións, mentres que a mexicana Elena Poniatowska foi recoñecida como escritora galega universal.