O Encontro de Literatura de Viaxes reunirá en Santiago aos grandes autores do xénero cos editores e o público

M. B. SANTIAGO/LA VOZ.

CULTURA

29 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Grandes autores, editores, axentes literarios, profesionais do sector e lectores confluirán no primeiro Encontro Internacional de Literatura de Viaxes, LITVI 2010, que terá lugar en Santiago entre o 20 e o 27 de xuño dentro da programación deseñada polo Xacobeo. Este evento, enmarcado no Ano do Libro e da Lectura, contará, entre outros apartados, cun congreso temático sobre As literaturas no Camiño , ciclos de conferencias, mesas redondas, sinaturas de libros e unha grande feira aberta ao público que se celebrará na Alameda de Santiago.

O LITVI nace co obxectivo de «crear un foro internacional permanente para este xénero literario», segundo puxo de manifesto Ignacio Santos, xerente do Xacobeo, quen tamén destacou a vontade de consolidar este proxecto «único no mundo» e «con vocación de continuidade». Santos aludiu tamén ao destacado nivel dos participantes xa confirmados, e citou, entre outros, a Antonio Pérez Henares, César Antonio Molina, Fernando Martínez Laínez, Francisco Singul, Javier Reverte, John Rutherford, Luisa Castro, Jordi Lloréns Estapé, Josep María Bernadás, Julio Llamazares, Manuel Lourenzo, Pablo Arribas Briones, Pemón Bouzas, Soledad Puértolas, Paco Nadal, Suso de Toro, Paulo Caucci, Susana Fortes, Xavier Alcalá, Pere Tobaruela, Sérgio Luís de Carvalho e Xavier Queipo.

O xerente do Xacobeo resaltou que, con este evento, Galicia e Santiago «converteranse no centro das miradas do sector, pero tamén de todos os afeccionados á literatura de viaxes». Realmente, o LITVI 2010 comezará tres días antes, o 17 de xuño, cunha viaxe de tres días que un grupo de autores, editores e xornalistas, unhas 20 persoas en representación de varias comunidades, farán en peregrinación, «nun acto de irmandade», desde Estella ata Compostela, onde chegarán o día 20.

Ana García, directora de Trevisani, a empresa organizadora do encontro, destacou o carácter inédito da cita «en Galicia, España e Europa». O tronco principal do encontro será o seu congreso, que abordará as literaturas do Camiño desde distintas perspectivas. O LITVI 2010, explicou Ana García, dará un protagonismo específico á muller e a viaxe, «con presenza das escritoras máis relevantes».

Durante os oitos días do encontro, as crónicas de viaxes sairán a rúa para celebrar a Feira do Libro de Viaxes, na Alameda, que será «escaparate de libreiros e editores de Santiago, Galicia e de moitos libreiros e editores a nivel nacional». A Feira de Dereitos, a única acción de LITVI non enfocada ao público, será «o magma comercial» do mundo da literatura de viaxes co encontro de editores, creadores e axentes. O programa tamén inclúe todos os días unha viaxe polos sons do planeta co programa Músicas do Mundo , así como a oportunidade de tomar un café íntimo cun dos autores que asistan ao encontro.

Para rematar, o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, destacou «a excelente acollida que o proxecto está recibindo nas editoras especializadas».