Galicia

Miguel Anxo Fernández

CULTURA

01 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O mercado catalán é outro mundo en comparanza co galego. As cifras cantan, producen máis e sobre todo cuadriplícannos en pantallas: andan polas 800; nós, nas 200. Iso á marxe da demografía, con máis do dobre de poboación, e tamén menos envellecida. Falando en prata: alí o cine é máis negocio. Nese contexto (sen entrar en consideracións arredor da lingua), a Ley del Cine de Catalunya sería case imposible de aplicar en Galicia sen poñer en grave risco á exhibición. Para máis (as cifras son teimudas), aínda temos pendente a pedagoxía de acostumar ao noso público a ver cine galego (en galego) nunha pantalla grande, coa mesma naturalidade que xa o segue na TVG e a ninguén se lle ocorre ir en contra diso.

Para que o público tome como algo natural ver imaxes propias nas pantallas comerciais, exhibidores e Xunta deberán ir da man. Os primeiros, perdéndolle o medo a poñer filmes galegos, e a segunda, con estímulos económicos no curto prazo e permitindo resistir a presión do cine norteamericano en castelán, o preferido do espectador quizais pola falta de costume a recibir eses mesmos filmes en galego. Agora ben, reprochemos á lei catalá que opte pola dobraxe e non aposte pola versión orixinal (sexa inglés, chinés ou ruso) con lendas na lingua propia. Así facemos algo tan necesario como respectar as voces orixinais, a obra de arte en suma. O tema da para moito, aínda que aspectos da lei, como levar o cine ao ensino e de crear unha rede concertada de salas, son algo que en Galicia cómpre xa.