A biografía sobre o poeta aproveitará gran parte da súa correspondencia
07 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O ano próximo escoitaranse en máis dunha ocasión as palabras de Celso Emilio Ferreiro (CEF) grazas á declaración realizada polo Parlamento de Galicia. Ramón Nicolás ultima unha biografía sobre o escritor, que, segundo el, creou unha escola poética en Galicia.
-¿Que dificultades ofrece a figura de CEF desde o punto de vista do biógrafo?
-Primeiro fun lector, claro, pero levo case dúas décadas transitando pola obra literaria que Celso Emilio deixou e por algúns capítulos da súa vida ata que se deron unhas circunstancias que propiciaron internarme no seu perfil máis persoal, fundamentalmente porque un dos nosos autores máis relevantes carecía aínda dunha biografía integral que xuntase o periplo vital e a súa proxección literaria e política. As dificultades foron as habituais: recadar información, édita e inédita, interpretar documentos, esculcar nas cartas conservadas ou entrevistar as persoas que tivesen algo substancial que dicir sobre o autor.
-¿Que novidades achega a súa biografía sobre a figura do escritor?
-Creo que o novidoso pode radicar tanto na valoración que as persoas que o trataron tiveron a ben compartir, a través de entrevistas persoais ou a través de textos escritos que me cederon, como na abondosa información de primeira man que procede do seu epistolario e arquivo persoal. Aí están espelladas as liñas de sentido dunha vida en que, por exemplo, as cartas eran un medio fundamental de comunicación, e máis nun tempo difícil no que violaba unha e outra vez a confidencialidade das mesmas, polo que ás veces cómpre ler entre liñas. Malia isto, nestas cartas está case todo: os proxectos levados a cabo e os que se frustraron, as filias e as fobias, os amigos, os inimigos, a política e as polémicas.
-Nun sentido amplo, CEF foi un escritor famoso, valorado no seu tempo. ¿Como afectou iso á interpretación da súa obra?
-Celso Emilio comezou a gañar sona máis alá de Galicia a través das edicións bilingües da súa poesía, e isto ocorre a finais dos sesenta e dura algo máis de dez anos. Aquí era valorado en pequenos círculos, mais con Longa noite de pedra supera todo o previsible e chega a lugares onde nunca ningún poeta galego podería pensar. Por tanto, foi famoso nos seus últimos anos mais isto non o satisfacía moito; se cadra estaba máis contento, e é unha anécdota real, co parecido físico que gardaba con Salvador Allende. Dito isto, o certo é que o número de edicións esgotadas da súa obra en vida non ten semellanza con ningún outro poeta galego. Mais por outro lado nunca puido vivir da literatura e a súa axitada vida así o demostra.
-¿Cre que a lectura de CEF como poeta popular segue pesando hoxe?
-A música e as versións musicadas dos seus poemas fan que, dalgún xeito, a súa poesía siga viva. Foi poeta popular, e para min é positivo, porque as súas composicións se converteron en emblema, en signo dunha época, mais tamén Celso Emilio tiña un oído musical extraordinario.
-¿Que aspectos quedan por divulgar da súa obra?
-Volver proxectar a súa poesía fóra de Galicia. Sigo a ver nel un gran narrador, de obra exigua, pero sorprendente pola modernidade e a rotundidade das pezas narrativas que deu a coñecer. Tamén cumpriría volver a vista ao Celso Emilio de facetas case descoñecidas nel como ser debuxante, crítico literario (non ao uso) e a de responsable da redacción de textos de carácter político. As acusacións de que non exerceu politicamente como antifranquista, que lin hai pouco, son inexactas e moi inxustas.