Un congreso estuda a relación do poder e o territorio no XIX
17 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Mañá comeza na Coruña, organizado pola Fundación Juana de Vega, o congreso Poder y territorio en la España del siglo XIX. Xusto Beramendi é, xunto con Xosé Ramón Veiga, un dos seus coordinadores.
-¿Cal é o punto de partida do congreso?
-Temos como referencia a conmemoración do centenario da Constitución de Cádiz. Pero en lugar de ir a unha análise desa constitución ou das súas repercusión más directas, que xa están sendo tratadas por outros congresos, decidimos ir a un argumento menos debatido pero ligado: a relación do poder co territorio no século XIX.
-¿Cómo é esa relación?
-É unha relación cambiante porque hai que pensar que a Constitución de 1812 é a acta de nacemento da España contemporánea e as tensións que se aprecian xa nese momento continuarán ao longo do século seguinte. Por exemplo, a constante de centralismo-descentralización ten a súa primeira manifestación nese tempo e irá agudizándose co paso dos anos.
-¿Por qué esa tensión continúa?
-Durante o século XIX, esa tensión ten que ver con que o modelo escollido en España estaba tomado do modelo liberal francés, que era centralista. É un modelo uniformizante que non se axusta á realidade histórica porque España ata o século XVIII foi un Estado composto no que se integran reinos diferentes cos seus idiomas diferentes.
-¿Cal foi a resposta?
-As elites rexionais están desconformes porque perden poder. Sucede que esas elites son derrotadas continuamente pero seguen presentes e seguen reclamando o seu espazo.