Darío Xohán Cabana: «Os namorados saben da actualidade de Petrarca»

Ramón Loureiro Calvo
ramón loureiro FERROL / LA VOZ

CULTURA

«Veremos para qué me alcanza a vida», di Cabana.
«Veremos para qué me alcanza a vida», di Cabana. Óscar cela< / span>

O novelista, poeta e académico da Terra Chá publica unha nova e monumental tradución do «Cancioneiro»

28 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Darío Xohán Cabana (Roás, Terra Chá, 1952), non é só un clásico vivo: unha das voces fundamentais da poesía e a narrativa galega de todos os tempos. Porque é, tamén, un escritor fondamente comprometido co empeño de incorporar á lingua galega o mellor da tradición europea. Traducindo, cousa que xa quedou dita, e ademais como un dos grandes impulsores do selo Edicións da Curuxa, editorial de vocación claramente familiar que dirixe o seu fillo, Martiño. E Edicións da Curuxa é quen agora saca á luz, nun monumental e fermosísimo volume, a nova tradución que Cabana fai do Cancioneiro de Petrarca.

-E traduce vostede este libro por segunda vez...

-É que a primeira tradución que fixen, a de finais dos anos oitenta, e que por certo non deixou de ter éxito entre a crítica, cando a volvín ler... xa non me gustaba. Non era digna de Petrarca nin da lingua galega. Quizais era mellor que outras traducións que había, pero vin que lle faltaba unha cocedura. E en vez de corrixila, que é cousa de moito traballo [sorrí Darío Xohán], o que fixen foi traducir de novo, que é cousa de moito máis traballo aínda, pero máis divertida.

-¿Onde está hoxe a actualidade de Petrarca?

-Todos os namorados saben perfectamente que Petrarca está de actualidade. Petrarca non morreu xamais. A poesía europea, desde o seu Cancioneiro ata hoxe, é un continuo. Non houbo roturas. Todo está baseado na mesma tradición. Sen Petrarca non se entende a poesía europea moderna. E nós temos a obriga de incorporar os máis grandes á lingua galega.

-Como tradutor, vostede que xa traduciu, por exemplo, a Dante tiña previsto tamén verter á lingua galega versos coma os de Villon...

-E sigo querendo facelo. Traducir os versos de Villon e, por suposto, os de Ausias March. Son os dous grandes poetas europeos do século XV. Pero veremos para qué me alcanza a vida. Porque ademais agora estou corrixindo, intensamente, a tradución que fixera da Divina Comedia. ¡Isto [ri o escritor] é unha verdadeira penitencia...!

-¿E cando haberá unha nova obra súa, outro libro de versos...?

-Iso non se sabe. Porque eu póñome a traducir e traballo niso cinco ou seis horas diarias. É unha cousa de paciencia. Pero facer un poema é diferente. E unha novela, pois xa non che digo nada. Cando eu traduzo, son un servo, un esbirro do autor. O máis fiel posible, aínda que tamén pelexe con el. O que fago é dicir ou intentar dicir na miña lingua o que el dixo na súa. Pero o verso nace do espírito que vén polo aire, que trae a palabra que tirará polas demais. Igual que as novelas. A creación é algo moi problemático.