O coro da BBC cantará a Rosalía

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Os Singers da radio británica interpretarán en Londres a versión que o compositor inglés Daniel Saleeb acaba de facer de «Has de cantar»

06 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

«Sing out, girl, I'll give you hot chestnuts; Sing out, girl,

I'll give more than a few». Os versos de Rosalía de Castro soarán o vindeiro día 15 en Londres no concerto que os BBC Singers ofrecerán na igrexa de Saint Paul en Knightsbridge. Has de cantar, un dos poemas de Cantares Gallegos, forma parte do programa que interpretarán o coro da radio pública británica xunto coa promesa da guitarra clásica o escocés Sean Shibe, e que inclúe obras de Manuel de Falla, Villa-Lobos e Castelnuovo-Tedesco, entre outros.

Foron os BBC Singers os que contactaron co compositor Daniel Saleeb para pedirlle que puxese música a un texto dun autor español ou de América Latina para o programa deste concerto. De casualidade o músico leu a Rosalía e atopou en Has de cantar os versos perfectos para acompasalos coa idea musical que xa agromara no seu maxín. «Buscaba o texto perfecto para deixar que xermolase. Son bastante esixente cando adapto textos e moita da poesía moderna non encaixa no estilo de música que quero compoñer. Atráenme os textos de fortes características estruturais: métrica, ritmo e un certo sentido da repetición», describe. Saleeb veu isto en Has de cantar: «Só puxen música á primeira parte do poema, xa que ten unha idea coherente que permite que funcione moi ben pola súa conta. O texto paréceme fermoso e inquietante á vez».

«Cantares Gallegos»

A tradución que emprega Saleeb é a versión da poeta canadense Erin Moure, que verteu ao inglés os Cantares Gallegos completos para Small Stations Press, a editora na que o tamén tradutor Jonathan Dunne ofrece ao lector anglófono autores galegos, como Cunqueiro, Lois Pereiro e Celso Emilio. A partir de Has de cantar Saleeb seguiu afondando na obra de Rosalía. «Interésame moito musicalmente, algo quizais esperable, xa que se trata de ?cantares?. Cando traballo con textos adoito sentir algo especial polo autor, xa que estás moi preto do que eles crearon. Neste caso foi especialmente agradable facelo tamén coa tradución de Erin e que ela fose parte do proceso». Agora o compositor volve unha e outra vez ao seu exemplar de Galician Songs, «con moitos poemas marabillosos». «Canto máis os leo, máis e máis me sento fan da obra de Rosalía», conclúe.