«Gustaríame traballar na visibilización da poesía e todo o que está arredor»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

real academia galega

Chus Pato, cunha longa traxectoria poética ás súas costas, foi elixida onte académica de número da RAG

06 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O pleno da Real Academia Galega elixiu onte a Chus Pato (Ourense, 1955), como académica numeraria. Libros como m-Talá, Hordas de escritura ou Secesión destacan nunha longa traxectoria poética na que a institución ve «un arraigado compromiso ético coa condición feminina e co país» e «unha voz renovadora, rupturista cos modelos tradicionais». «A súa é unha das voces poéticas máis vangardistas e persoais da literatura contemporánea desde os anos 80 do século pasado, recoñecida tanto en Galicia como alén das nosas fronteiras», comunicou a RAG.

-¿Que sente co nomeamento?

-A sensación é un pouco de vertixe. É certo que é unha cousa que xa se sabía, porque a votación foi hoxe [por onte] pero a única candidatura era a miña. Con todo, hai como un antes e un despois. Agora xa sei que si, que vou estar na Academia, que xa son académica electa, e iso me produce un pouco de vertixe. É un compromiso moi fondo. Son unha persoa moi pouco institucional e terei que aprender, terei que facer un curso intensivo para saber como funciona a Academia. Procurarei traballar, non sei moi ben como.

-¿Hai algún cometido ou eido no que lle gustaría traballar?

-Hai un, desde logo, aparte do compromiso xeral coa lingua e o traballo que iso supón: a min no que me gustaría traballar é na visibilización da poesía. E en todo o que está arredor.

-No pleno no que se oficializou a súa candidatura foi elixida académica Marilar Aleixandre, quen aludiu á necesidade de que haxa unha maior presenza feminina nas institucións culturais.

-O que penso é que xa que as mulleres sostemos a metade do ceo, é de xustiza que teñamos visibilidade nas institucións terrestres. É o que podo dicir.

-Da súa poesía fálase de rupturismo, de transgresión. ¿Necesita a RAG máis inconformismo?

-Non o vexo así. Non creo que o inconformismo teña moito lugar nunha institución. As institucións son bastante inamovibles, bastante pétreas. Con todo, cando Xosé Luís Méndez Ferrín foi presidente se lle dedicou o Día das Letras a Lois Pereiro, que era algo impensable.

-A súa obra está traducida a varias linguas e participa habitualmente en actividades poéticas en diversos países. ¿Como ve a visibilidade do galego fóra?

-Na miña experiencia, é demoledora. Ninguén sabe nin onde queda Galicia nin que existe. Incluso cando Erín Moure empezou a dicir en Canadá que estaba traducindo a unha poeta galega [traduciu a Pato e a Rosalía] pensaban que o galego era un idioma que se estaba inventando ela, que se inventaba a poeta e o idioma. É dicir, o mundo non sabe nada de Galicia. Sabe que existe Santiago de Compostela, como moito, e o relacionan con España. Para que te coñezan fóra evidentemente fai falta unha política institucional, política gubernamental de promoción, e dende o meu punto de vista non existe. Pensar que estamos presentes en non sei que e non sei canto, dende o meu punto de vista non existe. Esa presenza é mínima, eu non a vexo. Outra cousa é o desexo de que iso sexa así.

-¿Sobre que tratará o seu discurso de ingreso?

-Vai a xirar sobre o poema.

A Academia recoñece o traballo de Clodio González ao facelo membro correspondente

A RAG tamén elixiu onte membro correspondente a Clodio González Pérez (Cenlle, 1947), de quen destacou o seu labor como docente, compaxinado «cunha fecunda actividade investigadora e divulgadora no campo da historia e da etnografía», na que traballou «sobre a vida material, espiritual e cultural do pobo galego».

O novo académico correspondente valorou onte o seu nomeamento como un «recoñecemento» ao seu labor que «engade máis responsabilidades: hai que facerse merecente desa confianza e responsabilidade». Clodio González, vinculado ao Museo do Pobo Galego e ao Consello da Cultura, é autor dunha ampla obra centrada na etnografía pero tamén na historia, que abrangue dende o traxe tradicional aos mitos dos dragóns, da produción de ferro aos cruceiros, dende os maios ata o refraneiro do mar. Unha das súas últimas obras está centrada en Piornedo e escrita con Xosé Manuel González Reboredo, con quen ten feito abundante traballo de campo nos Ancares. «Cómpre ter en conta que falamos dunha cultura que en moitos casos está xa desaparecida», subliña o novo académico. «En Piornedo queda moi pouca xente que nacera nunha palloza, que saiba como se vivía, os nomes dos trebellos, como se traballaba cun arado de pau, por exemplo». Son testemuños da fonda transformación experimentada por Galicia nos últimos corenta anos, á que contribuíu non pouco a devastadora caída demográfica. Piornedo, por mor das súas pallozas, non acusou tanto a caída, pero parroquias como Rao, limítrofe con Asturias e León, pasou de 700 habitantes na década dos oitenta aos 60 actuais. Tamén aconteceu igual no concello natal de González, que baixou de 7.000 a un milleiro. Precisamente o autor traballa agora, entre outras cousas, nunha historia ampla de Cenlle, «coa súa etnografía, historia e patrimonio».