Manuel González será candidato á RAG pero buscará unha lista única

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Cesar Quian

Varios académicos reuníronse onte para tratar de sumar as diferentes tendencias

10 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«O primeiro reto é buscar a concordia entre todos os académicos e, en segundo lugar, ser capaz de ilusionalos a todos nun proxecto común». Isto dicía Manuel González o día 20 de abril do 2013, pouco despois de que a candidatura que encabezaba para presidir a Real Academia Galega (RAG) fora derrotada pola de Xesús Alonso Montero. González deixaba entón clara a súa postura: «A miña colaboración coa Academia vai ser a mesma desde unha posición que desde a outra, porque isto simplemente é un proceso democrático que gañou Xesús Alonso Montero». Case catro anos despois as propostas de González sobre a institución non mudaron e a intención deste catedrático de Filoloxía Románica é a de volver a ser candidato a presidir a RAG.

De todos os xeitos, antes de oficializar a súa proposta, e sendo fiel ás súas palabras, tanto el como varios académicos que se reuniron na tarde-noite de onte, queren tratar de buscar un acordo que faga posible a presentación dunha única candidatura de consenso. Nas últimas eleccións foi a primeira vez na centenaria historia da Academia na que se presentaron dúas listas, despois de que a dimisión de Xosé Luís Méndez Ferrín deixara moitos enfrontamentos entre os membros.

A xuntanza informal de onte supuxo o primeiro paso de cara a unhas eleccións que deberían celebrarse no mes de abril e nas que se escollerá ao substituto de Alonso Montero. No encontro de onte participaron boa parte dos académicos que nas anteriores eleccións formaban parte da lista de Manuel González, ou que o apoiaron, como foron Xosé Luís Axeitos, Euloxio Rodríguez Ruibal, Francisco Fernández Rei ou Xosé Ramón Barreiro Fernández.

Aínda que xa anunciara a súa marcha, o actual presidente da entidade apuntou nas últimas semanas, segundo fontes da institución, a posibilidade de volver a ser candidato se contaba para iso co apoio dos académicos. Parece que os máis achegados xa o convenceron de que non o fixera e deixara o cargo.

Así, e despois da xuntanza de onte, para o mes de abril podería haber, de saída, dúas candidaturas á presidencia da RAG: unha encabezada por Manuel González e outra por Víctor F. Freixanes. Claro que tamén se está estudando entre os académicos a posibilidade de que a candidata sexa unha muller e, deste xeito, rachar con outra eiva que arrastra a Academia como é que desde que se fundou en 1906 nunca estivo presidida por unha muller -ademais, ata hai uns anos a presenza de académicas era cando menos escasa-. Os nomes que soan para ser a primeira en presidir a entidade son o de Margarita Ledo e o de Rosario Álvarez Blázquez. As dúas forman parte da actual xunta directiva.

Unha difícil tarefa

A pacificación da Academia non parece unha tarefa doada. Unha cousa son as boas palabras e outra son as feridas que deixou a dimisión de Ferrín, que xustificou así a súa marcha nun correo electrónico enviado o 13 de marzo: «Outros académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non tiña sitio na Academia». O certo é que hai académicos que trataron de ir curando aquelas feridas, pero outros confesan claramente: «Algúns non nos falamos».