Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Cine, memoria histórica e acción no Blanco Amor

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Santi M. Amil

Galaxia presentou a obra «Blues para Moraima», novela premiada de Miguel Anxo Fernández

06 abr 2017 . Actualizado a las 14:09 h.

O escritor, profesor e crítico cinematográfico Miguel Anxo Fernández conseguía o premio Blanco Amor de novela en decembro do pasado ano coa súa obra Blues para Moraima. Basicamente, segundo sinalou o galardoado naquela altura, a historia estaba protagonizada por un vello cineasta e profesor exiliado que decidía volver a Galicia ao ser convidado por un xornalista televisivo. Regresar á terra dende Miami provoca o reencontro coas lembranzas e tamén cos dramas do pasado. A novela chegou estes días ás librarías e a obra foi presentada onte en Ourense nun encontro no que participaron, xunto ao autor, o presidente de Galaxia, Antón Vidal Andión, e o da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar Blanco.

Miguel Anxo Fernández sinalou que comezou a escribir o orixinal hai dez anos, pasando por diferentes versións e mesmo «esquecementos» durante ese tempo, e que na orixe da historia «mestúrase a memoria do thriller estadounidense dos anos 70 co thriller político italiano e o cine de denuncia». Ademais, ten protagonismo en Blues para Moraima a memoria colectiva da Guerra Civil española e as súas consecuencias: «A nosa xeración foi a de referencia no que ten que ver co silencio sobre o pasado. Os meus pais, e sobre todo os meus avós, nunca tiñan nada que dicir sobre a Guerra Civil. A dor gardada da memoria é a que tamén está na vida do protagonista», adiantou Fernández. Tamén que Carlos Velo, Blanco Amor ou José Suárez foron fitos referenciais para o relato.

A novela non conta con mencións de localizacións ou temporais, aínda que o narrador desvelou que «se fala dunha gran catástrofe que seguramente dará a clave temporal da historia». Fernández enxalzou o papel de Ourense «como espazo preferente da historia da literatura galega». E engadiu que o xurado -ao outorgarlle o Blanco Amor- introduciuno neste grupo: «Fágoo por outra porta, ao proceder do mundo da comunicación audiovisual, pero o que me interesa é narrar historias».

Reivindicación ourensá

Antón Vidal Andión reivindicou a faceta ourensá de Galaxia; lembrou que foi Otero Pedrayo o seu primeiro presidente e que o proxecto «non tería razón de ser se non fora polo pulo e a herdanza da Xeración Nós». Logo de sinalar que non é cuestión de cotas, Baltar amosou o seu malestar pola escasa representación de Ourense na Real Academia Galega.