Máis dun centro de persoas arrouparon onte no Pazo de San Roque, en Santiago, a presentación do proxecto sobre o himno galego promovido por Queiman e Pousa
01 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Máis dun centro de persoas arrouparon onte no Pazo de San Roque, en Santiago, a presentación do proxecto sobre o himno galego promovido por Queiman e Pousa, que inclúe non só unha nova versión a modo de banda sonora, senón tamén un traballo audiovisual e un libro para dar a coñecer as súas orixes e historia. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou que se trata «dun produto cultural complexo, que acompaña os versos máis coñecidos da lingua galega, os que máis cohesión lle dan á nosa identidade, tanto na Galicia territorial como na Galicia da diáspora, onde naceu».
O secretario xeral engadiu que aqueles que puxeron os medios para a estrea do himno na Habana hai 110 anos «estarían orgullosos que tanto tempo despois un grupo de xente poña na rúa un novo produto para dar a coñecer algo tan noso como é o himno». Nese sentido, fixo fincapé na unidade didáctica que inclúe para que os rapaces saiban como naceu e a súa historia.
Pola súa banda, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, puxo en valor a iniciativa emprendida por Enrique Domínguez e Andrea Pousa apuntando que é ambiciosa e nada doada. «Esta produción debe dar forza a esa Galicia exterior, onde seguro aínda terá máis éxito que aquí», afirmou. Precisamente, o traballo está pensado tamén como unha homenaxe á emigración, como destacaron os promotores do proxecto. Andrea Pousa, pola súa banda, afirmou que non foi unha tarefa sinxela realizar esta nova versión, porque a peza tiña que ter un carácter épico sen perder as súas liñas mestras.
O acto, que empezou cunha pequena representación baseada na emigración por dous rapaces da Fundación Eduardo Pondal, contou tamén con varias pezas musicais interpretadas por Andrea Pousa, a encargada de poñerlle voz a esta nova versión do himno galego, coa que se pechou o encontro. Nesta posta do largo do traballo O himno, que ocupou case hora e media, tamén interviñeron o compositor Nani García; o presidente da Asociación Santo André de Teixido, Ramón Tudela; o presidente da Fundación Eduardo Pondal, Xosé Lois García; e o cronista oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa. Entre o público, atopábanse representantes de numerosas entidades culturais que colaboraron coa iniciativa, así como alcaldes de varios concellos e representantes de entidades privadas, entre outros.