O regreso do rei Artur ao cine proba a vixencia dun mito que ten inspirado a escritores e cineastas ao longo do tempo
19 ago 2017 . Actualizado a las 18:57 h.Dez séculos despois, o mito do rei Artur segue vixente. Proba disto é a última película de Guy Ritchie, na que o futuro rei aínda é un rapaz que anda co seu grupo de amigos. No cine leva presente dende hai décadas, sendo un tema moi empregado, do que distintos cineastas teñen dado a súa particular visión do mito. Na literatura acontece algo semellante, especialmente na galega. Ramón Cabanillas publica Na noite estrelecida no ano 1926 e Álvaro Cunqueiro saca o Merlín e familia no 1955. O uso da chamada materia de Bretaña -temática que xira arredor do rei Artur e os cabaleiros da táboa redonda- está presente nas dúas obras, aínda que de forma distinta. Tamén está en novelas máis recentes, como Cando Artur non era rei, de Xabier López.
López di que, para el, «o mito é un pretexto para contar as aventuras duns rapaces». O escritor presenta a un Artur que aínda non é rei ou, dito coas súas propias palabras, «ao heroe antes de ser heroe, pero en camiño de selo». Cando o autor acude a centros escolares para falar do seu libro recoñece que pasa máis tempo contextualizando e explicando o mito que dando conta da súa novela.
Descoñecemento
Henrique Rabuñal, que é escritor e profesor de literatura galega, afonda sobre o mito no ensino e sostén que existe moito descoñecemento por parte do estudantado, mais tamén afirma que «deixando a un lado as ideas preconcibidas, cando se profundiza un pouco nalgún texto literario, unha parte do alumnado fica abraiada co mito». Para Rabuñal, o tema «é un fío que vén de moi lonxe» e destaca a súa importancia, xa que, segundo explica, «todas estas historias e lendas din moito de nós, encerran a esencia da literatura, pero tamén do que somos».
O escritor Darío Xohán Cabana tamén fai uso da materia de Bretaña en obras como Galván en Saor ou O cervo na torre. Na súa opinión, estamos a falar do «mito do rei que foi e será, que esencialmente é un mito republicano, que nada ten que ver coa monarquía tal como se concibe hoxe» e afirma que Artur «é unha representación do seu pobo, é un rei popular». Cabana considera que o ciclo artúrico «é o máis bonito e permanente» da literatura medieval europea e sinala a influencia do cine na súa propia obra. «Excalibur vina antes de escribir Galván en Saor e está claro que me influíu nalgunhas cousas», indica o escritor, que destaca a beleza das imaxes desa película, e que conclúe dicindo que «as grandes realizacións literarias non pasan nunca. Non pasa a Odisea, o Quixote e tampouco pasa o rei Artur».
Xosé Luís Méndez Ferrín é outro dos escritores que afondaron no mito, coa súa propia ollada en Percival e outras historias ou Amor de Artur, que inclúe o conto do mesmo nome. Para Ferrín, «o rei Artur é un lugar común literario». Na súa opinión «é un mito de liberación nacional, no que hai un pobo oprimido e un rei que pon orde e logo é destituído. A partir de aí, o seu pobo está esperando que volva».
Respecto á vixencia da materia de Bretaña na actualidade, Ferrín explica que «os temas literarios prenden na imaxinación das persoas se estas se senten representadas neses mitos, teñen que estar os seus desexos, as súas frustracións ou as súas necesidades» e conclúe dicindo que «hai mitos eternos porque responden a profundas preguntas e intereses que ten a humanidade en colectivo».
Preguntas e intereses que aínda buscan resposta. Algo que demostra a estrea da citada película de Guy Ritchie -King Arthur: Legend of the Sword- ou as novelas que interpretan, e reinterpretan, o mito artúrico. A xente de Camelot segue a esperar, como escribía Cabanillas no final de Na noite estrelecida, polo seu verdadeiro rei; o rei Artur.