O impulso poético de Fernando Pérez-Barreiro

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

JOSE PARDO

Un volume recolle toda a poesía en galego do tradutor e ensaísta, e que permanecía inédita na súa totalidade

31 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Ferrol, 1931-Lancaster, 2010) é coñecido sobre todo pola súa faceta como tradutor, con títulos tan senlleiros como o primeiro Shakespeare galego (Macbeth, 1972), as súas versións de narrativa chinesa (Flores e leña, 1982) ou o Premio Nacional que recibiu pola traballo conxunto coa súa dona, Teresa Barro, de traducir Alicia no país das marabillas.

Menos divulgada é a súa vertente poética, que ata o de agora se limitaba a un monllo de poemas en castelán publicados hai case setenta anos na revista Aturuxo. En realidade, a vocación pola lírica foi un piar central na súa vida literaria. Non en van, o propio Pérez-Barreiro escribiría que «o impulso poético é unha realidade primaria do ser humano». Confírmao Teresa Barro: «Escribise ou non escribise poesía, e escribiu moita que non publicou, vivía coma un poeta, no nivel que puideramos chamar heroico e superior da poesía [...]. Nunca vin a Fernando baixar dese nivel que chamo poético e que está dirixido polo espírito».

Ese poeta secreto revélase no libro Poemas do carricanto (Espiral Maior), que recolle a súa poesía galega, toda inédita, cun minucioso estudo biográfico e literario a cargo de Armando Requeixo e un epílogo de Xosé Luís Méndez Ferrín. Este último parte dun retrato colectivo -no que aparecen, entre outros, Gonzalo R. Mourullo, Filgueira Valverde, Franco Grande, Ramón Lorenzo e os propios Pérez-Barreiro e Ferrín- de premiados nas Festas Minervais para trazar outros dous retratos, o dos escritores que «amaban a lingua galega e a practicaban» e mais o dun Pérez-Barreiro que describe como «unha presenza próxima e fraternal». «Nunha literatura alta como é a nosa, os versos de Fernando sobresaen e constitúen un universo en movemento e en constante mutación formal e enunciativa, que non se contradí coa vontade de estilo e cunha orixinalidade radical capaz de sorprendernos», escribe Ferrín.

Poemas do carricanto preséntase mañá en Ferrol, ás 19.30 horas, no auditorio do antigo Hospicio.