Carmen Boullosa, Nuno Júdice, Sergi Belbel e Harkaitz Cano, premios Rosalía do PEN galego
CULTURA
Os galardóns, de carácter bianual, premian a escritores das linguas castelá, catalá, vasca e portuguesa
01 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O Centro PEN Galicia vén de fallar os seus premios Rosalía de Castro, instituídos en 1996 con carácter bianual para galardoar dende a literatura galega a escritores relevantes en lingua castelá, catalá, vasca e portuguesa, sistemas literarios veciños ao galego. Nesta edición, a décimo segunda na historia dos galardóns, os premios recaeron na mexicana Carmen Boullosa, o portugués Nuno Júdice, o catalán Sergi Belbel e mailo vasco Harkaitz Cano.
Boullosa (Cidade de México, 1954) é unha das autoras máis destacadas no ámbito hispanoamericano. As súas orixes teñen raíces galegas. Cultivou tanto a novela e a poesía como o teatro e o ensaio. Parte da súa obra ten carácter autobiográfico, especialmente no tocante á morte temperá de súa nai, pero tamén cultivou episodios históricos do seu país ou actuais, coma poidan ser a loita contra o narco. Xunto con Salman Rushdie creou unha casa refuxio para escritores perseguidos. A súa obra máis recente é El libro de Ana.
Pola súa banda, Júdice (Mexilhoeira Grande, 1949) tamén ten unha ampla obra en varios xéneros, destacando a novela, a poesía e o ensaio. Entre a súa bibliografía destacan poemarios como As regras da perspectiva ou Lira de líquen, novelas como A árvore dos milagres ou O complexo de Sagitário, e ensaios como As máscaras do poema e A viagem das palabras. Ademais, desenvolve o seu labor como profesor e crítico, e foi director do Instituto Camões en París.
Belbel (Terrasa, 1963) é principalmente dramaturgo e director de teatro. Dirixiu a clásicos e contemporáneos, de Shakespeare a Beckett, ademais de pezas da súa autoría, entre as que se contan Elsa Schneider e Caricias. Tamén traballou para televisión, como a serie Sin identidad.
Cano (Lasarte, 1975) cultiva así mesmo diversos xéneros: novela e relato, poesía, crónica xornalística e narracións infantís e xuvenís. Autor en lingua vasca, entre os seus títulos traducidos ao castelán destacan Circo de invierno e El turista perpetuo, mentres que en galego se pode ler Pasaia Blues.
Estes catro escritores súmanse agora aos corenta e catro distinguidos nas edicións anteriores da historia do premio, constituíndose nos «mellores embaixadores da literatura galega», segundo o xurado, formado por Luís González Tosar, Ánxela Gracián, Xabier Castro Martínez, Bieito Iglesias, Xosé Ramón Pena, Marilar Aleixandre, Luís Menéndez e Manuel Guede.