Dúas biografías afondan na vida e no carácter de María Victoria Moreno

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

ALVARO BALLESTEROS

As obras percorren tamén a vida da autora a quen se lle dedica o Día das Letras

10 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das consecuencias do Día das Letras Galegas é a aparición de bibliografía arredor da figura homenaxeada que permiten coñecer mellor tanto a súa obra como as súas circunstancias vitais. Edicións críticas, estudos e biografías acompañan as celebracións oficiais e populares, converténdose moitas veces en ferramentas para traballar coa efeméride no ensino, un ámbito no que adoita desenvolverse un intenso labor arredor do 17 de maio.

É o caso de dúas achegas biográficas que veñen de publicarse sobre María Victoria Moreno, homenaxeada neste 2018. Trátase de A voz insurrecta. María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida, de Montse Pena Presas (Galaxia), e María Victoria Moreno. A muller que durmía pouco e soñaba moito, de Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre (Xerais), esta última, máis breve e concibida para un público lector mozo, con frecuentes contextualizacións da época, como o mercado negro na posguerra ou o que significaba reivindicar liberdades nos anos da ditadura franquista.

Ambas obras percorren os principais fitos vitais e literarios de Moreno. Tamén é posible albiscar no carácter da escritora. Ambas tamén parten dun dato coñecido hai relativamente pouco, e precisamente divulgado por Casalderrey e Aleixandre nun artigo para a revista Grial: Moreno non naceu en 1941 -en Valencia de Alcántara, Cáceres-, como ata o de agora aseguraban as biografías oficiais, senón en 1939. O motivo, argumentan as autoras, está relacionado cos seus estudos de bacharelato nun internado barcelonés xestionado pola Sección Femenina de Falanxe, que iniciou aos 12 anos, cando o habitual era facelo aos 10, de aí a modificación do nacemento.

Os libros debullan feitos vitais transcendentes, como a morte temperá do pai, e o seu reflexo literario, ademais da faceta como autora de Moreno e outras próximas, como a de tradutora. No tocante á súa vida pública, destacan os cursos de galego que impartía en tempos pouco benignos para tal actividade, a posta en marcha dunha libraría na que circulaban obras prohibidas polo franquismo ou a súa inclusión como independente nunha candidatura municipal do PSG-EG.

Outras cuestións relevantes son as relacións cos seus compañeiros sentimentais e, chegados aos anos finais da súa vida, o cancro que sufriu e que relatou en Diario da luz e da sombra.

No remate destas lecturas coñécese mellor á escritora, tamén na súa personalidade. Sábese do seu compromiso co galego e co ensino, coa literatura e a reivindicación das narracións para a mocidade, pero tamén que era amante dos animais -dos cans, especialmente- e que tiña boa maña para a cociña.