La Voz presentou na Academia o seu libro sobre María Victoria Moreno

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

MARCOS MÍGUEZ

O acto destacou o seu compromiso co galego, unha «historia de amor» coa lingua

16 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dúas grandes paixóns percorreron a vida de María Victoria Moreno: a literatura e as linguas -especialmente o galego- e a docencia. Ambas facetas quedaron onte de relevo no acto no que La Voz de Galicia presentou na sede coruñesa da Real Academia Galega o libro co que tradicionalmente se suma ao Día das Letras. Como lectores, tamén como amigos, falouse da figura homenaxeada este 17 de maio con admiración pola súa obra literaria, polo entusiasmo co que conduciu o seu traballo profesoral, pola entrega coa que participou da dignificación e ensino do galego.

Son aspectos que recolle Xesús Alonso Montero no libro María Victoria Moreno. A proeza da súa vida e da súa literatura, un volume que La Voz ofrece mañá aos seus lectores por 1 euro mais o cupón impreso no lombo do xornal. Alonso Montero era o responsable do Seminario de Lengua y Literatura Españolas do Instituto Masculino de Lugo, ao que foi destinada Moreno en 1965, o inicio dunha amizade que se prolongaría ata a morte da escritora no ano 2005. Unha relación alicerzada, en boa medida, pola paixón filolóxica que os unía, ademais da súa condición de antigos alumnos, ambos, de Dámaso Alonso e Rafael Lapesa.

Alonso Montero lembrou ese primeiro contacto con María Victoria Moreno, nacida en Estremadura e educada en Segovia, Barcelona e Madrid, no que ficou abraiado polo castelán que falaba, que definiu como «unha festa fonética, rítmica, léxica, gramatical». Calidades todas que Moreno traspasou ao galego, que falaba con «ritmo, coidando a prosodia e as cláusulas ben medidas», lembrou Montero, para quen a escritora encarnaba á perfección ese dito de que «falar ben é revolucionario, falar mal é reaccionario».

E Moreno foi revolucionaria. Comprometeuse co galego, unha lingua humilde e maltratada, nos anos do franquismo, nos que nin tan sequera era a fala doméstica de senlleiros galeguistas, segundo o seu biógrafo. Ela, en cambio, emprendeu un «apostolado lingüístico» que a levou a dar clases para distintos colectivos e que lle valeu que a policía lle retirase o pasaporte.

O galego en tempos difíciles

Estas circunstancias lembrounas tamén o director de La Voz, Xosé Luís Vilela, quen definiu aqueles tempos como nos que «a resposta a todo era sempre ‘non’». Vilela lembrou que o galego non estaba daquela na escola, e que Moreno pelexou por esa lingua, primeiro a través dos cursos que impartía e logo, tamén, a través dos libros que escribiu para lectores mozos, como Anagnórise: «Quen puidemos lelo cos fillos antes da adolescencia sabemos que lles axudou a que esa etapa tivese máis sentido», exemplificou.

Foron voces novas, as dos alumnos Zahara Blanco, Noelia Lara, Nicolás Cid e Nicolás Otón, do CEIP Cidade Vella da Coruña, as que recitaron no acto tres poemas de María Victoria Moreno, voces ás que se sumou a violinista Antía Ameixeiras, que interpretou unha peza macedonia -Bavko Macedonkso- e dúas xotas de Florencio, o Cego dos Vilares.

Un deses poemas, Fala un mendigo ao seu can, empeza co verso «Eu vin a luz de Deus na túa ollada»: «Un señor verso», confirmou Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega. «Como resume esa capacidade para transmitir amor», engadiu, citando a palabra que tamén agromou nas intervencións de Vilela e Alonso Montero. Ese amor pola lingua transformouse en compromiso, que Freixanes gabou esperanzado: «Un país capaz de fascinar e seducir á xente que vén de fóra e que os comprometa para a súa causa é un país vivo, un país con futuro».

A defensa do idioma, un «afán de xustiza» para cambiar as súas circunstancias

María Victoria Moreno. A proeza da súa vida e da súa literatura é un percorrido en dez capítulos pola vida e a obra da escritora a quen este ano se lle dedica o Día das Letras. Dez apartados que se complementan cunha cronoloxía, notas bibliográficas e un índice onomástico, o que fai do libro unha cumprida achega á figura de Moreno, na que tanto se abordan os aspectos máis literarios da súa biografía como asoman aspectos emocionais da personalidade da autora. Un traballo polo que Alonso Montero tamén quixo amosar o seu agradecemento ao coordenador da obra, Tucho Calvo.

No propio acto de presentación, Alonso Montero transformou o que podería ser un sinxelo acto protocolario nunha auténtica lección maxistral na que trazou un retrato completo de María Victoria Moreno. O contexto familiar -o pai pertencía ao bando dos vencedores na Guerra Civil-, os sucesivos lugares onde se criou, o papel dos afectos na súa vida, as influencias literarias... Un revelador e ameno relato sobre a escritora que en realidade era un petisco do que verdadeiramente amplía o libro.

Do xeral ao detalle

Alonso Montero pasou de visións xerais que achegaban contexto a distintos episodios da vida de María Victoria Moreno aos detalles en aparencia triviais mais de grande importancia: o debut literario da autora, Mar adiante, publicouse en Ediciós do Castro -«Non podía deixar de mencionar a Isaac Díaz Pardo», afirmou o biógrafo- e a autora da ilustración da capa foi Carmen Arias, Mimina, a muller de Díaz Pardo. Os debuxos interiores, en cambio, eran obra da propia Moreno. «Era unha grande admiradora do Principiño de Saint-Exupéry, que tamén fixera as ilustracións do seu libro», informou Alonso Montero.

O tamén académico botou man da cita completa de Ortega y Gasset para falar de por que Moreno asumiu un forte compromiso coa causa do galego: «Yo soy yo y mi circunstancia. Si no la salvo a ella, no me salvo yo». Para María Victoria Moreno, esa circunstancia era o franquismo, que debía transformar para inverter á dunha lingua sen prestixio social. María Victoria Moreno asumiu ese compromiso por un «afán de xustiza e un espírito fraterno, derivados do seu sentido cristián da vida, máis cristián que católico».