Jorge Lamas: «Vigo é a única cidade galega que aparece no Tratado de Versalles»

CULTURA

«Historias de Vigo», que publica Edicións Xerais, recolle as crónicas singulares sobre a cidade
16 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Jorge Lamas (Vigo, 1962) é xornalista, tamén historiador. Licenciouse en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago pero a vida levouno cara ao presente, a contar co tempo xusto, o que acontece cada día. Pero a historia sempre o acompaña. Cando acaba de contar aos lectores o que pasa hoxe ou o que está previsto para mañá, rebusca nas súas anotacións que desbroza e copia a man de antigos arquivos. Comezou polo blog Del Berbés hacia arriba, que sigue alimentando. Despois volcou parte deses contidos nas páxinas da edición de Vigo de La Voz de Galicia na sección semanal Eran otros tiempos, e logo diso naceu o libro Historias de Vigo (Xerais), no que compendia de xeito ameno os acontecementos que axudan ao lector a comprender a urbe de hoxe.
-Entón, iso de que Vigo non ten historia, ¿onde queda?
-Eu bromeo no libro cunha imaxinaria confabulación das elites empresariais da cidade que chegan á conclusión de que para medrar teñen que sacrificar o seu pasado. A verdade é que os especialistas teñen constatada unha presenza continuada de seres humanos na bisbarra viguesa dende hai douscentos mil anos, cuns períodos más intensos que outros. Pero é que ademais, Vigo, pola súa posición xeográfica, estivo continuamente vivindo acontecementos internacionais ao longo de toda a súa historia. Por exemplo, Vigo é a única cidade galega que aparece no Tratado de Versalles debido á presenza das compañías dos cables alemán e inglés.
-¿«Historias de Vigo» é un libro de historia?
-Non nun sentido estrito. Para empezar, pódese abrir desde calquera capítulo. Non se trata dun libro académico, senón de divulgación histórica. De feito, emprego diferentes estilos, como a entrevista, a narración novelesca ou a reportaxe xornalística. Pretendo chegar a todo o mundo, pero especialmente a quen lle custa máis afrontar un libro de historia.
-Tamén recolle o que moitos esquecen, o papel das mulleres. E como está baleiro este apartado nos documentos, universalmente, será aínda máis difícil...
-É a gran eiva da historia. O papel das mulleres antes de inicios do século XX é complicado de rescatar xa que o relato foi escrito por homes. Aínda así, no libro amoso a miña vontade de divulgar o seu labor, e hai algúns relatos que lles devolven o seu protagonismo.
-¿Isto vai de reforzar o orgullo de cidade ou de desmitificar esaxeracións?
-A historia non pode escribirse con outro obxectivo que non sexa situar e explicar, a través dos datos, o relato dos feitos. A historia non pode estar ao servizo dunha ideoloxía porque iso terxiversaría a realidade, e ademais iso chámase propaganda. A obxectividade é un punto de partida indiscutible no meu traballo. Non sei se o consigo.