A pedra seca, primeiro ben galego patrimonio inmaterial da Unesco

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

ALBERTO LÓPEZ

Unha candidatura conxunta integraba a oito países europeos

29 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A técnica construtiva tradicional da pedra seca (ou pedra en seco) será o primeiro ben de Galicia en ser incluído na lista representativa do patrimonio inmaterial da Unesco, no marco dunha candidatura conxunta de oito países europeos -España integra outras sete comunidades: Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Estremadura, Cataluña e Valencia- liderada por Chipre e Grecia e que suma a Suíza, Croacia, Eslovenia, Francia e Italia. Así se decidiu onte por parte dos representantes deste organismo na 13.ª reunión anual do comité intergobernamental de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial, que se celebrou en Port-Louis, na República de Mauricio. Por parte da Xunta acudiu ao encontro a directora xeral de Patrimonio Cultural, Carmen Martínez Ínsua.

A pedra seca -que prescinde de calquera argamasa ou morteiro- conforma, sen dúbida, un dos exemplos de coñecementos e usos máis relevantes das formas de vida tradicional en Galicia, que se fixa e transmite a través do milenario oficio dos canteiros e afecta á relación das comunidades co medio, creando e definindo as paisaxes. Fitos fundamentais desta técnica construtiva son os valados -ou valos, que separan as leiras, praderías e outras propiedades rústicas- e os socalcos -ou muras, que sosteñen o terreo en bancais nas ribeiras dos ríos en que se cultiva viñedo-. Pero tamén en muros, peches e construcións para usos agrarios e gandeiros como alvarizas, neveiras, pombais, hórreos, pendellos, foxos do lobo ou muíños, que contribúen a definir e representar a estrutura da propiedade ou a explotación do territorio. Esta técnica resulta especialmente abondosa nas comarcas de Pontevedra, Terra de Montes, Deza, Bergantiños, Terra de Soneira, Xallas, Fisterra, A Terra Chá e Ribeira Sacra.

O recoñecemento da inclusión na lista, lembra a Xunta, representa o compromiso destes países na «execución de medidas de salvagarda específica para que as comunidades locais, que son as súas portadoras, poidan ter as condicións para o seu mantemento e difusión». Para os efectos de promover o estudo e a documentación da técnica e dos seus procesos, así como para colaborar na súa difusión para o público coñecemento e respecto polo traballo dos canteiros tradicionais e dos numerosos exemplos que se conservan, decidiuse incorporala, como primeiro paso, ao Censo do Patrimonio Cultural de Galicia.