No ano 2003 visitei en Bruxelas o famoso Museo de Instrumentos Músicais (MIM) situado nun dos edificios de Art Noveau máis coñecidos da cidade chamado Old England preto do Palacio Real. Esta marabilla arquitectónica foi creada no ano 1879 para acoller uns grandes almacéns e acabou sendo este gran espazo de catro andares no que se expoñen uns 1.500 instrumentos que forman parte dunha gran colección iniciada en 1877 que na actualidade supera as 8000 pezas. Nel pódense ver de preto cada un dos instrumentos expostos ao tempo que tamén se poden escoitar a través duns auriculares que se activan ao nos achegar a cada un deles.
Todo este valioso material sonoro está coidadosamente exposto cos seus adecuados textos para poder coñecelos máis a fondo. O museo é un espazo vivo no que a xente interactúa e aprende, polo tanto unha auténtica marabilla de continente e de contido que conforma un espazo de prestixio e un gran reclamo turístico para a cidade.
En España hai unha colección de instrumentos similar propiedade de Carlos Blanco Fadol que con máis de 5000 pezas orixinarias dos cinco continentes está considerada como unha das máis importantes do mundo. Carlos é un home extraordinario de nacionalidade hispano-uruguaia e avós galegos. Ten unha traxectoria espectacular de traballos realizados como investigador, compositor, músico e escritor. Teimosamente e con paixón percorreu o mundo enteiro en busca destes tesouros dos que unha parte significativa están expostos actualmente no museo de Barranda creado no ano 2006 en Caravaca de la Cruz (Murcia). Eu tiven a sorte de poder visitalo en dúas ocasións e paréceme un espazo impresionante.
Agora Carlos, con profundas raíces na Costa da Morte (Brantuas e Tella/Ponteceso), quere regresar a Galicia e traer consigo boa parte dos seus tesouros para que queden na terra dos seu avós. Unha oportunidade única para ter aquí o mellor museo de músicas étnicas do mundo porque el aportaría o contido, falta o espazo adecuado para situalo como merece…. Así que…