![Luciano Rodríguez traduce ao galego a poetas e cantantes](https://img.lavdg.com/sc/hxR7kg7RnsK5X2kwYQQFJOw0qH4=/480x/2019/04/28/00121556460061518989946/Foto/GA29P46F2_155853.jpg)
«Auga de varios ríos» son 38 poemas de autores que van de Lennon a Hierro, un libro de despedida dos seus alumnos
29 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.«Aínda que non poidas / facer a túa vida como queres / polo menos inténtao / canto poidas: non a envilezas / no trato desmedido coa xente, / no trafego desmedido e os discursos». Durante moitos anos, Luciano Rodríguez (Carracedo, A Veiga, Ourense, 1951) aconsellou aos seus alumnos ler este poema de Cavafis «porque invita a vivir a vida con dignidade». Leva por título Canto poidas e está no libro Auga de varios ríos (Medulia Editorial), que publica como despedida da docencia: «Fun profesor en distintos centros de ensino ao longo de trinta e oito anos, e esta é a razón de que sexan tamén tinta e oito os poemas seleccionados». Aí están «autores da miña devoción», desde John Lennon -Imaxina- a José Hierro -Vida-, pasando por Gil de Biedma -Non volverei a ser mozo- ou García Montero -A inmortalidade-. O poemario está dedicado a seu pai e recolle lembranzas da infancia, en terras de Viana do Bolo, cando, «acompañado da mamá e do meu irmán», cruzaba nunha barca, con barqueiro, o encoro do Bao: «Sempre que me vexo traducindo recupero esta(s) imaxe(s) e sinto que o tradutor é o barqueiro que leva as palabras dunha orela á outra», escribe no introito do libro.
-Como foi a escolla?
-O libro está dedicado aos meus alumnos e a dedicatoria é para os centros polos que pasei aquí e en Alemaña, Croacia e Portugal. Foron 38 anos e son 38 poemas. Traducidos teño más de 500, pero quixen meter estes que foron utilizados nas clases de tradución ou nas de comentario de texto. Como se trata dunha especie de lección incluso me permitín poñerlles deberes aos alumnos e non lles quixen traducir un texto de Violeta Parra que me parece un dos cantos máis fermosos que coñezo, que é Gracias a la vida.
-Son case todos autores contemporáneos...
-Fundamentalmente autores europeos do século XX, a excepción de Safo de Lesbos, do século VII a. C., pero fíxena coetánea nosa, seguindo o criterio do gran poeta grego Odysseas Elytis cando dixo: «Perdóenme se falo de Safo como dunha contemporánea miña. Na poesía, coma nos soños, ninguén envellece». É un dos textos que máis utilicei nas clases. Empecei a traducilo no ano 1991 e a última versión que fixen, que é a que vai no libro, é de novembro do 2017. Tiña a obsesión de facer unha tradución tan boa (ou polo menos que se aproximase un pouco) como a que fixo o poeta portugués Eugénio de Andrade. Para min é a mellor tradución que se fixo desa Oda a Afrodita que é este texto de Safo de Lesbos. Un día atopeino en Santiago e pregunteille como é que el fixera unha tradución tan boa. Díxome que mesturara un pouco de inglés, un pouco de francés, un pouco de italiano: «metín todo nun copo [vaso] e mexín moi forte e saíu un novo proxecto».
-Vostede tamén fixo «remexidos» para este libro?
-Eu usaba ese texto de Safo de Lesbos para explicar que hai moitas maneiras de traducir tamén a través das traducións ponte. Para este libro houbo xente que me axudou co orixinal, como o profesor Serxio Vence, xa falecido, e a maioría están feitas do francés, inglés, catalán e italiano.
-É máis difícil traducir a poesía que a narrativa?
-O que quixen transmitir sempre aos meus alumnos foi que viran que se collemos un poema temos que devolver un poema. Está mal que o diga, pero hai textos que fun incapaz de traducir, como un poema de Antonio Marín, un poeta eivisenco, aínda que leva 50 anos vivindo en Barcelona.
-No libro aparecen tamén poetas que son menos coñecidos...
-Son autores moi respectables creo que case todos, e algúns si que son menos coñecidos, como Aisling Doherry. Esta poeta irlandesa, que a min me parece extraordinaria, fixo un poema que é un anuncio, e entón useino para ver como se pode facer un poema utilizando a publicidade. É dun teléfono, e di que se o está usando para unha actividade paramilitar marque o un, se quere máis armas o dous e «Se desexa poñer fin á violencia / deixe, por favor, o seu nome e o número / e un representante da compañía / visitará á maior brevidade posible». Non nos damos conta que a maioría da publicidade mana toda da poesía. E tamén que na publicidade hai unha presenza do mitolóxico terrible, o que pasa é que como xa non lemos nada non nos decatamos.
«O Nobel tamén podían darllo a Cohen ou a Camarón»
Versos de Jacques Brel, John Lennon, Serrat, Sabina, María del Mar Bonet, Marina Rossell ou Lluís Llach aparecen traducidos ao galego neste poemario que xa no título soa a mestura: Auga de varios ríos. «Son textos moi pensados e aparecen polo medio músicos... A ver: esa distinción que se fai entre poeta e autor de canción eu creo que é bastante ficticia, e, sobre todo nos que eu metín aquí, e máis que se poderían meter, ningún deles desentoa», asegura Luciano Rodríguez.
-Entón, o Nobel de Literatura a Bob Dylan está ben dado?
-Evidentemente! Non teño dúbida. A mágoa é que non llo deran a outros como Leonard Cohen. Ou a un que non escribiu letras pero que as escribiu no aire, como diría o Dylan das respostas, que era Camarón. Jacques Brel, polo que teño unha particular devoción, aparece no libro [Non me deixes]; o único que lle falta un verso, porque me parecía excesivamente redundante e corrixino.
-Gústalle o flamenco?
-Un dos meus amigos da infancia era un xitano, que supoño que seguirá vivindo por Zamora. É unha devoción de vello polo flamenco. No libro está o poema Nenias, de José Cerezo, que hai que escoitar na voz de Calixto Sánchez, que é un cantante de flamenco sevillano, de Alcalá de Guadaíra, cun vozarrón tremendo. É un texto que traducín unha vez e incluso o gravei nunha casete un pouco rudimentaria e que lle regalei á miña filla... Eu canteillo en galego, pero a música é dun profesional que me acompañaba á guitarra. É unha nenia con estrofa de seguidilla: «Ao que a miña nena dorme / as estreliñas / cántanlle unha nenia / a ela soíña...».
-Quedoulle algún cantante fóra?
-Outra devoción miña é Leo Ferré, pero do texto que eu quería traducir, Avec le temps, fixo unha tradución tan boa Amancio Prada, Co tempo todo se vai, que xa lle dixen que me fastidiara. É o seu mellor disco.