Unha ponte literaria peninsular

Xesús Fraga
x. fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

De Manuel Rivas publícase en portugués «O último dia da Terranova»
De Manuel Rivas publícase en portugués «O último dia da Terranova» PACO RODRÍGUEZ

Kalandraka pon en marcha «Confluências», unha colección que funciona como unha viaxe de ida e volta entre escritores portugueses e das diferentes linguas en España

07 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Kalandraka, a través do seu selo Faktoría K, vén de poñer en marcha Confluências, unha colección que se alimentará das obras de autores que escriben nas distintas linguas da península ibérica. Nesta ponte literaria os carrís de ida e volta serán o castelán e o portugués, idiomas nos que a colección presenta traducidos os títulos en función dos seus respectivos mercados. Deste xeito, Confluências arranca con dúas obras de autores lusos en castelán: Sobre las ruinas del mundo, de Patrícia Reis, e Medio hombre mitad ballena, de José Gardeazabal. Ao outro lado da raia, a colección xa ten nas librarías O último dia da Terranova, de Manuel Rivas, e Sete casas em França, de Bernardo Atxaga, mentres que este mesmo mes verá a luz As meninas-prodígio, de Sabina Urraca.

O director editorial de Kalandraka, Xosé Ballesteros, explica que a idea para Confluéncias naceu precisamente dunha conversa con Rivas durante a Feira do libro de Guadalajara, en México, ante a evidencia do difícil que resultaba atopar títulos vivos, en catálogo, de autores galegos. A outra cara da moeda era a necesidade e oportunidade de dar a coñecer autores portugueses en España, máis alá dos nomes máis coñecidos da súa literatura.

Kalandraka, que xa ten experiencia editora no país veciño, ideou a colección como «un lugar de encontro», en palabras de Ballesteros, que tamén se refire a Confluências como «unha fantasía editorial». Trátase dunha aventura que terá continuidade, cos arredor de media ducia de libros que o selo ten previsto publicar cada ano. E que non se deteñen no xénero rei da novela. «Temos en proxecto unha antoloxía de autores brasileiros e tamén temos en mente abordar o eido da poesía, xa que hai grandes poetas portugueses que aquí son practicamente descoñecidos, mentres que o feito de que alguén como Ángel González sexa inédito en Portugal é unha desas lagoas que cómpre encher», reflexiona o editor.

A aposta da colección é da biodiversidade literaria e lingüística, que moitas veces se ve prexudicada polo escaso espazo que deixa a actividade máis comercial do sector. En Portugal o mercado dedica atención aos seus propios autores e, alén diso, o que se traduce do ámbito anglófono, unha situación que ten o seu equivalente en España, o que fai que sexa difícil introducir títulos procedentes de linguas minorizadas ou con menos peso no concerto global. Aínda así, Ballesteros sabe ben que a lingua portuguesa non remata alén Miño, senón que inclúe Brasil e países africanos, mercados que de momento fican lonxe e nos que é complexo desenvolverse, pero aos que Confluências aspira a entrar.