A obra válelle para reflexionar sobre as tensións entre a vida real e a artística
09 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Cando rematou Sobrevivindo, unha narración de intriga coa que gañou no 2015 o Premio de Novela por Entregas de La Voz, a Arantza Portabales (San Sebastián, 1973) quedáronlle ganas de escribir unha obra que fose unha homenaxe ao xénero negro, sen as estritas limitacións de espazo -31 capítulos- que impoñía o galardón. O resultado chega este xoves ás librerías: Beleza vermella (publicada en galego por Galaxia e en castelán por Lumen co título de Belleza roja) é «unha homenaxe á novela negra clásica», segundo a autora, que quixo recuperar o pracer lector que experimentou hai moitos anos cando lía a Agatha Christie.
O punto de partida da narración é o asasinato de Xiana Alén, unha moza de 15 anos que vive ás aforas de Santiago. Esa mesma familia desafogada que lle deu a vida convértese de inmediato en sospeitosa: en concreto, as seis persoas que se atopaban na casa cando se produciu a morte. O comisario Santi Abad e a policía Ana Barroso irán tirando do novelo de pistas e na pescuda da autoría do crime irán atopando escuros segredos.
Portabales aclara que a súa intención non era «facer un CSI», senón empregar o soporte da trama e a dosificación do suspense para afondar na psicoloxía dos seus personaxes. «O que hai por detrás da narración é un interese polas tensións que se dan entre a vida real e a vida artística», describe. Esta dualidade encárnase de xeito singular nunha das familiares da vítima, Lía Somoza, unha creadora que case «renuncia á súa vida persoal, que sacrifica pola arte», unha circunstancia á que tamén se suma a síndrome da farsante. O mundo da arte tamén ofrecía posibilidades estéticas á escritora: non en van a adolescente morta aparece, xa no primeiro capítulo, inerte nunha gran poza de sangue que cubre todo o chan do seu cuarto.
Aínda que non é unha referencia máis que indirecta, sobre Beleza vermella paira nalgúns intres o caso Asunta. De feito, algúns dos personaxes chegan a comentalo na historia. «Foi un caso que conmocionou a cidade», lembra Portabales. «Son desas cousas que sempre ves lonxe, pero cando ocorren a 500 metros da túa casa é cando te decatas de que esas cousas pasan e poden pasar preto de ti», explica. Casos ademais que rachan co estereotipo que asocia crime e marxinalidade, un tópico que a escritora esquiva ao situar a cerna do seu caso nunha familia burguesa.
Personaxes
Beleza vermella constrúese sobre capítulos curtos -Portabales cultivou durante moito tempo o microrrelato- pero, a diferenza de Sobrevivindo, a planificación foi máis libre. Se para a novela por entregas a escritora chegou a trazar toda a trama nunha folla de cálculo, desta vez deseñou a historia pero logo os personaxes foron desenvolvéndose durante o proceso de escrita. Algún que de primeiras estaba chamado a un papel secundario acabou adquirindo un peso maior.
Con todo, para a autora o importante foi a diversión que experimentou mentres escribiría, un gozo que espera trasladar ao outro lado, o da lectura. Mentres Beleza vermella estaba en curso, mandaba algúns avances a amigas para coñecer a súa opinión: as súas correspondentes ficaron enganchadas, ata o punto de que cando tivo que interromper a redacción para traballar na tradución ao castelán doutro libro, Deixe a súa mensaxe despois do sinal, tivo que deixar anotado nun caderno o nome do culpable «por se me pasaba algo», di entre risos Portabales ao lembrar a anécdota.