A construción da Gandareira, na Bandeira (Silleda), figura como finalista da Bienal Iberoamericana de Arquitectura que se celebrará en Paraguai
16 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Nun ton humilde e rindo, o arquitecto coruñés Carlos Alberto Pita Abad conta que «sempre é difícil falar ben dun mesmo». Nesta ocasión, vese obrigado a facelo: o seu último proxecto, o campo de fútbol da Gandareira, na Bandeira (Silleda), vén de ser seleccionado como finalista da XI Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo, que se celebrará na cidade de Asunción (Paraguai) entre os días 5 e 11 de outubro.
A súa obra, deseñada xunto cos arquitectos galegos José Carlos Iglesias e Abraham Castro, competirá cun total de 32 construcións, tras unha frase previa de selección que contou con máis de 1.000 proxectos presentados. Entre os finalistas, dos que Pita recoñece que se atopan «algúns bos amigos» seus, áchanse obras como o Museo do Clima en Lérida, a estación Alcázar Genil do metro de Granada, a terminal de Cruzeiros de Lisboa ou o edificio 8111 de Bogotá. Neste senso, Pita evidencia a súa «alegría e agradecemento» porque o xurado, conformado por arquitectos «moi cualificados», seleccionase o seu proxecto.
Un monumento en orde
Ante a pregunta de por que é especial o campo de fútbol da Gandareira, Pita é conciso: «Ten a virtude de ordenar unha certa desorde previa». Sito xusto no lindeiro do casco urbano da vila da Bandeira, a obra consegue «dotar de orde o conxunto urbano e todo o que se atopa ao seu arredor». Polo tanto, esta característica convértea, segundo Pita, nun monumento, e xustifica esta afirmación recorrendo a Octavio Paz: «O verdadeiro monumento é aquel que ordena e define o espazo no que se inscribe».
A construción do campo de fútbol finalizou en outubro do 2018, despois de comezar en xullo do mesmo ano. Unha obra erixida «aceleradamente» pero cos obxectivos cumpridos: eficiencia e calidade nas instalacións, axustada a un baixo custo e a un mínimo mantemento, e lista para o comezo da tempada deportiva e o inicio da escola de fútbol da Sociedade Deportiva Bandeira.
A Gandareira, pensada, fundamentalmente, para ser «moi duradeira», en verbas de Pita, emprega como un dos seus materiais principais o formigón armado e prefabricado. Un sistema construtivo ideado para a actividade e o lugar no que se inscribe a obra. Como di o arquitecto: «Unhas instalacións para que ir ao fútbol sexa unha verdadeira festa».