A celebración do Día das Letras trasládase ao 31 de outubro

X. F. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Carvalho Calero, á dereita, con Cunqueiro e Del Riego
Carvalho Calero, á dereita, con Cunqueiro e Del Riego

A Real Academia Galega decidiu pospoñer o pleno desa data, o acto central das homenaxes a Carvalho Calero, pola incerteza provocada polo coronavirus

09 abr 2020 . Actualizado a las 12:06 h.

O Día das Letras Galegas, que tradicionalmente se celebra cada 17 de maio, será este ano o 31 de outubro. Así o vén de comunicar este mércores a Real Academia, que decidiu pospoñer o pleno que tiña previsto celebrar no teatro Joffre de Ferrol como acto central das homenaxes a Ricardo Carvalho Calero debido á incerteza provocada pola pandemia do coronavirus. A nova data, 31 de outubro, coincide cos 110 anos do nacemento do intelectual e escritor ferrolán.

O retraso afecta tamén a outros actos presenciais que a entidade tiña previsto celebrar en vésperas e datas posteriores ao Día das Letras Galegas. Estas actividades quedan adiadas ata despois do verán. Porén, a RAG quere que o 17 de maio siga a ser unha data referencial para a celebración do galego e fai un chamamento á cidadanía para que empreguen as ferramentas dixitais con este obxectivo de celebración.

 A propia Academia ten previsto reforzar as súas iniciativas de divulgación da figura e a obra de Carvalho Calero a través de tres canles virtuais: a súa propia web, o proxecto para a mocidade Primavera das Letras e o Portal das Palabras.

Outras actividades que se ven afectadas por esta demora son o acto previsto para o pasado 25 de marzo, centrado no labor de Carvalho como dramaturgo, organizado xunto Casa Hamlet, e mais unha homenaxe, que se ía celebrar o 7 de maio, en colaboración co Colexio Fingoi, dirixido polo escritor entre 1950 e 1965.

Accións virtuais

O Día das Letras tamén se viu afectado pola suspensión das clases presenciais nos centros de ensino. Por exemplo, a RAG ampliará ata despois do outono o prazo de participación no concurso Contádenos o voso Día das Letras. A institución anima ao profesorado a promover accións virtuais arredor da data do 17 de maio e que estenda as iniciativas sobre o homenaxeado a comezos do vindeiro curso.

Ademais, a Academia mantén o seu traballo arredor de Carvalho, como o simposio que está previsto celebrarse en catro cidades e no que se abordarán distintos aspectos do escritor, dende a creación á historia e crítica da literatura, pasando pola lingua. Tamén se editará, en conxunto co Parlamento galego, o seu epistolario con Ramón Otero Pedrayo, nunha edición de Patricia Arias Chachero con estudo de Henrique Monteagudo e epílogo de Xesús Alonso Montero. Outra edición que prepara a Academia, neste caso con Galaxia, é o facsímile de Historia da literatura galega contemporánea.

Pendentes da convocatoria oficial das dúas vacantes que quedan no plenario

Aínda que a actividade dixital da RAG non só decreceu, senón que medrou —aumentaron as consultas ao seu dicionario—, e tanto académicos como o persoal da institución traballan dende as súas casas, a situación de confinamento tamén afecta a algunhas áreas do seu labor. Por exemplo, a entidade aínda non puido facer oficial as convocatorias para ocupar as prazas que quedaron vacantes no plenario tralos recentes falecementos de dous académicos, Andrés Fernández-Albalat e Xosé Luís Franco Grande. Os plenos para convocar e votar terán que agardar a que as circunstancias se normalicen. Mesmo a decisión de adiar a celebración do 17 de maio, que noutras circunstancias sería nun pleno especial, tivo que adoptarse tamén a través da comunicación a distancia.