Camus e Sartre

CULTURA

18 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo un tempo de anos mozos en que os universitarios españois admirábamos, por riba de case todos, aos intelectuais franceses Albert Camus (xornalista nacido na Arxelia colonial) e Jean-Paul Sartre, dous grandes argumentadores e polemistas, con moitas diferenzas nos seus plantexamentos e nas súas conclusións. O desafío entre eles encheu unha época, sobrevoando a Segunda Guerra Mundial e as súas moitas desfeitas.

Albert Camus escribiu a novela curta O estranxeiro en 1942, que foi levada ao cine por Luchino Visconti en 1967. En 1947 publicou A peste, e en 1956, A caída, obras que o consagraron como novelista e pensador, por riba da súa condición de xornalista lúcido e polemista brillante e ousado. No centro de todas esas obras -e doutras posteriores- asomaba a súa visión existencialista, absurdista e, ás veces, tamén nihilista. Porque Camus nunca foi un fanático de nada, senón un combinador de cosmovisións que, de certo, só se revelaban incompatibles co comunismo soviético.

Pola outra banda, o filósofo Jean-Paul Sartre (1905-1980) encarnou a figura dun activista político polifacético que combinaba o seu existencialismo cun marxismo que algúns apelidaban humanista. Un terreo no que chocou e polemizou con Camus. Sartre rexeitou o Premio Nóbel de Literatura en 1964 porque non cría que a relación entre home e cultura debese estar contaminada por institucións establecidas polo sistema. (Sartre estudara en París na elitista École Normale Supérieure, onde obtivera en 1929 un Doutorado en Filosofía. Foi daquela cando coñeceu a Simone de Beauvoir, compañeira inseparable durante o resto das súas vidas).

As polémicas entre Sartre e Camus xurdiron a partir de O home rebelde (1951) de Camus. Sartre acercárase ao Partido Comunista sen afiliarse, pero favorable a un proxecto que combinaba existencialismo e marxismo. Camus estaba convencido da incompatibilidade do existencialismo co marxismo. Así se desatou a polémica que sostiveron na revista Les Temps Modernes a comezos dos anos cincuenta. A morte de Camus nun accidente de tráfico en 1960 apagou a súa disputa para sempre. Pero quedounos moi viva a súa memoria!