Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Eloy Lozano, «un xigante maniatado nun país de ananos»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O cineasta Eloy Lozano, retratado na Coruña no ano 2001
O cineasta Eloy Lozano, retratado na Coruña no ano 2001 Eduardo

Eduardo Galán presenta no festival de Ourense un libro sobre o cineasta

27 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Eloy Lozano, o cineasta que devorou a luz é o libro de Eduardo Galán Blanco que edita o OUFF e que este domingo (Teatro Principal, 12.00 horas) se presenta no certame ourensán. A luz mencionada no título, xunto coa verdade e a beleza, alicerzaron o traballo do director finado no 2009. «“A luz éo todo”, dicía Eloy», lembra o autor da monografía. «A luz fronte ás sombras, as sombras do país, nosas propias sombras -Eloy era moi consciente das súas-, a luz como sinal e procura da identidade, como alimento e mesmo como ferida. Entre algún dos poemas de Eloy, publicados de maneira póstuma polo seu amigo Moncho Conde-Corbal, lemos: “Nacín para estrelarme, morrerei devorando a luz”. Eloy foi un creador ávido de beleza e chanceaba dicindo que “era un esteta da confraría da Santa Irmandade do Encadre”».

Precisamente esa procura fixo de Lozano alguén cun grao altísimo de disciplina e autoesixencia: «Perfeccionista ata a autotortura, Eloy non aturaba as chapuzas habituais da “canalla” da cultura. Chocou con todos nós. Era un ogro que amaba a beleza e non soportaba a fealdade e a mediocridade. Pero os seus lendarios cabreos unicamente ocultaban a amargura e a impotencia da súa loita contra os elementos».

O volume repasa eses trazos humanos do cineasta e mais as súas obras, entre as que se contan a adaptación de Retorno a Tagen Ata, de Ferrín, e a de Kawabata Belas dormentes. A literatura estaba moi presente no seu traballo, pero a súa curiosidade abranguía moito máis, dende a arquitectura á antropoloxía, o vídeo e a publicidade. «Interesáballe moito a identidade da nosa expresión», confirma Galán, crítico de cine deste xornal.

Lozano tamén tivo que loitar cun tempo e un escenario pouco propicios para a súa concepción da arte. «Facer cine como quería Eloy é imposible nos tempos que lle tocou vivir. Eloy é un mestre do cinema que só fixo unha longametraxe, un templo de beleza e desesperación titulado Belas dormentes que non foi entendido. Eloy foi un xigante maniatado nun país de ananos. Pero resistiu. Fixo publicidade para sobrevivir, pero publicidade exquisita. Editou os libros que lle gustou editar, entre eles o luxo total que é o Erótica de Ferrín e Leiro, Unicamente por ter concibido esa edición, Eloy merecería ser lembrado. E, con todo, a súa obra está esquecida», conclúe Eduardo Galán.