1920-2020: Os cen anos de Nós
La Voz de Galicia celebra cun especial o centenario da Revista Nós. Coa colaboración de Manuel Rivas, Malores Villanueva, Pilar Pallarés, Manuel Rey, Jorge Coira, Beli Martínez, Sés, Cristina Pato e Olga Castro. Consulta aquí a revista completa
A primeira guerra mundial, unha pandemia, unha crise de identidades e a convulsión de nacionalismos. Deste contexto, da decadencia de Europa, xurdiu o renacer de Galicia. Os inadaptados que conformaron a Xeración Nós atoparon no ser galego a súa misión, e a ela dedicaron a súa vida, sen imaxinar que o seu entorno serviría para falar de alta cultura. Unha decisión inédita para unha cultura xulgada como insignificante. O legado do seu labor senlleiro chega ata os nosos tempos. Unha crise económica sen precedentes, outra pandemia, unha crise de identidades e a convulsión de nacionalismos. A actitude que eles comezaron está intrínseca nas numerosas iniciativas culturais de galegos que seguen vendo no noso ser a súa dedicación.
Cúmprense 100 anos das primeiras verbas da revista Nós. Cen anos de distancia, cunha situación cultural moi distinta, que avanza pero arrastra problemáticas propias da nosa idiosincrasia. Un centenario que se manifesta como homenaxe pero que tamén aspira a ser reflexión. Nesta data tan sinalada, preguntámonos que sería de nós sen eles, e como sería se a publicación seguise alumeándonos o camiño. Este número extraordinario que hoxe presentamos da revista Nós é a mostra do pensamento máis inmediato que representaría o saber da xeración no 2020.
Rescatamos e actualizamos aos nosos tempos algúns dos temas esenciais que se trataron nos 145 números de Nós e incluímos visións que, de seguro se eles vivisen este ano, tamén as abarcarían. Para a escrita desta revista, escollemos aos representantes de cada eido que quizáis sen decatarse manteñen viva a actitude de Nós. A través da reflexión de figuras tan relevantes na cultura galega actual queremos contribuír á comprensión da orixe das nosas raíces: o que fai que hoxe, os galegos sexamos como somos.
Cando Castelao e Otero se despediron en Bos Aires, o ilustrador díxolle ao ourensán: «Abrazarte a ti é abrazar a Galicia». Calquera agarimo das colaboradoras e colaboradores que de aquí en diante se presentan é unha parte fiel da nosa terra. Neles deixamos as palabras que nos retratan a todos nós neste 2020.
cos traballos de:
Consulta aquí a revista completa
Coordinación: Uxía Carrera, Andrea Álvarez, Sara Pérez
Deseño: Manuel Mariño