Diana Varela Puñal, premio Xosé Neira Vilas de novela curta con «A conxura»

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

A escritora e editora Diana Varela Puñal
A escritora e editora Diana Varela Puñal BASILIO BELLO

A obra gañadora móvese axilmente entre o imaxinativo e o fantástico

29 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A escritora e editora Diana Varela Puñal proclamouse onte gañadora da quinta edición do premio Xosé Neira Vilas de novela curta para nenos e adolescentes coa súa obra A conxura. Segundo informou onte a fundación que leva o nome de Neira Vilas, A conxura «constrúe un universo narrativo que se move axilmente entre o imaxinativo e o fantástico, habitado por personaxes hipnóticos e fascinantes, con descricións luminosas e unha estrutura feita a base de anacos narrativos que, malia a súa certa autonomía, logran enfiar con solvencia o inicio e o final. A trama resólvese, ademais, dun xeito maxistral, unindo aquí aos variados recursos literarios empregados outros procedentes dos eidos da música ou do cinema».

O galardón está dotado con 1.000 euros e inclúe a publicación da obra. A conxura impúxose aos quince orixinais presentados nesta convocatoria e foi a que mellor convenceu ao xurado formado polos membros do padroado da Fundación Neira Vilas Rosalía Morlán e Juan Andrés Fernández, así como o crítico Armando Requeixo. A entrega do premio celebrarase no auditorio municipal de Vila de Cruces o vindeiro día 3 de novembro, Día de Neira Vilas.