A escritora reivindica ás marxinadas na novela «As malas mulleres», coa que gañou o premio ourensán do 2020
02 dic 2020 . Actualizado a las 00:01 h.O becho matou este ano as citas anuais con Eduardo Blanco Amor e as restricións tronzaron a ofrenda floral e o acto de homenaxe no cemiterio de San Francisco e a gala de entrega do premio de novela que mantén viva a súa memoria. Mais nin a Fundación Blanco Amor nin a Deputación de Ourense quixeron deixar pasar a data instituída para lembrar ao xornalista e escritor ourensán.
Nun emotivo acto desenvolvido ao pé da escultura de Xosé Cid que lembra ao escritor na Alameda de Ourense, Marilar Aleixandre recolleu a escultura de Acisclo Manzano identificativa do galardón e protagonizou unha fermosa intervención co seu discurso a xeito de carta a Eduardo Blanco Amor. O xurado salientou da obra escollida entre as trinta e dúas presentadas o orixinal de As malas mulleres pola excepcional calidade do orixinal e pola valentía de recuperar a mulleres esquecidas e marxinadas.
Homosexual e republicano
Marilar Aleixandre comezou a súa intervención con toda unha declaración de intencións -«Querido Eduardo, estamos aquí ofrecéndoche esta novela que fala de exclusión»- e lembrou que Blanco Amor foi dobremente marxinado: «Pola súa condición de homosexual e por ser fiel ao Goberno constitucional e non aos golpistas».
En As malas mulleres, a escritora dálle o protagonismo a unha rapaza de quince anos que está presa na cadea da Coruña no tramo final do século XIX. Aínda que non é unha historia real, si que ten a súa raíz nunha acontecida un século despois na cidade. A moza forma parte das 300 mulleres reclusas e descoñecidas -«só sabemos o nome dunha delas, Pepa Loba, que comparte a traxedia coa protagonista, presa por unha acción na que aínda hoxe en moitos países as mulleres son perseguidas e encarceradas»- e a trama de As malas mulleres está conducida polos personaxes centrais do relato, Juana de Vega e Concepción Arenal, e polo traballo desenvolvido polas coñecidas como «visitadoras de cárceres e as súas ideas progresistas e pioneiras».
Libro de fotos e reto aceptado
Xunto a elas, Marilar Aleixandre reivindicou no seu discurso a Rosalía de Castro e a Emilia Pardo Bazán. De Juana de Vega lembrou que «tivo unha vida novelesca en defensa da liberdade» e amosouse certa en que de ser inglesa, e non galega, a súa obra xa tería sido levada ao cine, ao teatro e á televisión.
Durante o seu discurso, a escritora lembrou que na praza da Alameda ourensá estivo en tempos a escultura de Concepción Arenal e que Otero Pedrayo e Blanco Amor posicionáronse en contra do seu traslado, en 1969, para xunto o antigo Pazo de Xustiza. Sumou a súa voz Aleixandre á deles e o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, aceptou o reto e díxolle á escritora que quedaban citados para cando Arenal volva á Alameda.
O director da Fundación Blanco Amor, Luís González Tosar, anunciou que en xaneiro editarase un libro coas fotografías realizadas en 1935 por Blanco Amor durante unha viaxe a Marrocos.