Os animais inéditos de Antonio Fraguas, ilustrados polo debuxante Miguelanxo Prado

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O novo libro de Fraguas foi presentado no Museo do Pobo Galego
O novo libro de Fraguas foi presentado no Museo do Pobo Galego PACO RODRÍGUEZ

A Fundación Antonio Fraguas e o Museo do Pobo Galego impulsan a súa publicación do libro do polígrafo de Cotobade

29 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Ao que mate unha lavandeira mórrelle unha persoa ou un animal da corte». «A carriza se canta para a dereita venta boas novas e para a esquerda ruíns». «A toupeira é bo matala coa man para despois fregar con ela a barriga dun que teña cólicos». Trátase de crenzas populares, así como diferentes coplas, referentes a distintos animais recollidas por Antonio Fraguas e que agora son a base do libro Os animais de Fraguas, que está ilustrado polo debuxante Miguelanxo Prado (A Coruña, 1958).

Estes textos foron atopados nunhas follas manuscritas en galego pola responsable da Biblioteca do Museo do Pobo Galego, Rosa Méndez, no proceso de catalogación do arquivo do polígrafo de Cotobade. Despois de comprobar que era un traballo inédito e que non se trataba do recollido no libro La Galicia insólita, publicado en 1973, desde a Fundación Antonio Fraguas e o Museo do Pobo Galego, decidiron impulsar a súa publicación, explicou Fuco Sangiao, coordinador editorial do proxecto e secretario da Fundación Fraguas.

Nesta obra, os textos dialogan cos debuxos. Miguelanxo Prado destacou que os seus traballos buscan «fascinar ao lector», xa que non se trata dun debuxo de bioloxía. Nese sentido, precisou que buscou un tipo de ilustración «que sexa informativa, que lle amose ao lector o animal como é, sen fantasiar, sen levar ao esquema do debuxo animado, pero que teña un punto de ensoñación, de imaxe atemporal». O artista confesou a súa «querenza pola bichería» e por debuxala, apuntando que viu a todos os animais que debuxou agás ao crego marelo.

Tradición oral

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, explicou que este traballo enlaza coa tradición oral, que, dixo, «ao estar aquí recollida no libro, non vai desaparecer nunca». Ademais, subliñou o gran atractivo do libro para o público infantil e xuvenil, xa que lle permite achegarse tamén a uns animais que moitos deles nunca viron en canto que, «seguramente, teñen menos contacto co animalario que nos tempos de Fraguas». O libro contou coa maquetación de Kiko da Silva, que tamén se encargou da capa, e coa colaboración de Política Lingüística.

Os animais de Fraguas permite achegarse a crenzas e ditos populares referentes tanto a animais domésticos como a outros salvaxes, algúns na actualidade pouco coñecidos. Así figuran cobras, lagartos, sabandixas, sapos, toupeiras, arañas, alacráns, lobos, corvos, galos, galiñas, pimpíns, cans, andoriñas, paspallás, cucos ou pegas, entre outros.