Rompente regresa 45 anos despois da súa irrupción na poesía galega

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

Presentación en Vigo do libro de Rompente
Presentación en Vigo do libro de Rompente Óscar Vázquez

Antón Reixa, Manolo Romón e Alberto Avendaño publican un novo libro

12 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Que hostia din os rumosos? (Editorial Elvira) é o libro de regreso do Grupo de Comunicación Poética Rompente, despois de 45 anos da súa irrupción na poesía galega. Antón Reixa, Manolo Romón e Alberto Avendaño reuníronse ao redor dun libro no que o 90 % dos poemas son inéditos. Contan ademais cos seus artistas plásticos de referencia, Menchu Lamas e Antón Patiño, e con Julián Hernández como o autor do limiar. «É o texto máis moderno do libro», di del Manolo Romón.

«Non volvemos coma os Rolling Stones, que precisan cartos de cando en vez, senón porque durante moitos anos estivo en Estados Unidos Alberto Avendaño, e hai dous anos xuntámonos para recitar no Festival Kerouac e foi coma se non pasara o tempo», apunta Antón Reixa.

«Esto son uno, dos, tres libros de Rompente más un libro de Rompente sumando en total otro libro de Rompente», así resume Julián Hernández no seu atípico limiar o esquema do libro.

Antón Reixa emprega unha linguaxe menos críptica: «Hai un limiar, un libro de autor de cada un de nós e un texto final feito entre os tres». A achega de Romón titúlase Derrotas; a de Avendaño, Carallo29!; e a de Reixa, Room Service. O texto conxunto sitúase baixo o epígrafe Rompentres.

«O título do libro ven de que os himnos galego e de Estados Unidos son os únicos no mundo que comezan cunha pregunta; é urxente un cumio entre Feijoo e Biden», di coa habitual súa retranca Antón Reixa.

«Viñemos cun feixe de papeis e invadimos a editorial ata que nos botaban polo toque de queda; a única premisa que nos puxo a editorial foi que se puidera ler o libro», sinala Menchu Lamas, ao que Romón engade: «case o conseguiron».

Para o vindeiro outono, Rompente realizará, a través do Xacobeo, oito recitais en outras tantas cidades galegas.

Rompente estivo activo entre 1976 e 1983, momento, segundo explica Reixa, no que «estabamos incómodos no ambiente cultural da época porque xa entrara no establishment; agora, que houbo unha gran renovación na poesía sentímonos máis cómodos», conclúe Reixa.