Mar Fernández: «A clave dos artigos de Casares está no valor que dá á palabra»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Mar Fernández no Liceo, onde Carlos Casares ía á tertulia.
Mar Fernández no Liceo, onde Carlos Casares ía á tertulia. Miguel Villar

A profesora Mar Fernández Vázquez analiza na súa tese o traballo do escritor na prensa

12 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Casares (Ourense, 1941-Vigo, 2002) tivo de sempre unha especial paixón pola súa faceta de escritor nos xornais e mantivo ao longo da súa vida unha traxectoria que primaba o valor da palabra, a oralidade, a sinxeleza ou a anécdota -entre outras características- no seu traballo nos medios de comunicación. A vertente xornalística do autor de Vento ferido centra a tese presentada hai unha semana pola profesora Mar Fernández Vázquez, da Facultade de Educación e Ciencias Sociais do Campus de Ourense. En Carlos Casares na prensa diaria (1968-1992) analizou 890 columnas e artigos do escritor.

Logo de case que unha década de investigación Mar Fernández define de xeito preciso o escenario: «Casares sempre tivo moi claro que quería facer prensa e escribir nos xornais. Foi o autor, redactor e todo o demais de El averno na súa etapa de estudante no Seminario de Ourense -un xornal que está desaparecido-. Colabora en La Región entre 1968 e 1974 e xa se asenta como un referente entre os articulistas de prensa e os columnistas cando comeza a escribir en La Voz de Galicia en 1975. Aínda que tamén participa nalgunhas revistas ourensás, é a sección Con esta lupa -na que Siro López poñía o debuxo e el o texto- a que marca o inicio da etapa que o converte nun referente en Galicia».

Temas, oralidade e tertulia

Da análise da produción xornalística de Casares, a profesora Mar Fernández fixa os intereses ou as preocupacións temáticas do escritor en cinco apartados: a cultura galega, o mundo eclesiástico, a imaxe percibida das culturas foráneas, a conciencia social e a esfera familiar». Para a profesora «a clave dos artigos de Carlos Casares está no valor que lle dá á palabra. Para el o máis importante era a oralidade, e o mellor escenario posible, o da tertulia», sinala ao tempo que le unha cita do autor ourensán -incluída na tese- na que define a tertulia como «unha das formas máis altas de cultura que coñezo».

A autora de Carlos Casares na prensa diaria (1968-1992) sinala que o escritor deixou a literatura nun segundo plano «porque lle interesaba máis a conversa e a oralidade» e que aspectos como as anécdotas, as conversas de rúa ou mesmo as cartas que lle remitían os lectores en relación ás súas columnas servían de material para crear algunhas das súas pezas xornalísticas.

Diarios de neno

Logo do estudo do traballo en prensa de Casares durante case que un cuarto de século e da investigación ao redor do mesmo, Mar Fernández Vázquez apunta algunha das claves casarianas: «Escribía pequenos diarios dende os 6 ou 7 anos e logo recuperaba ese material para inserilo nos seus textos, retomalo ou reescribilo. E a pesares diso non había reiteracións ou repeticións nos seus artigos».

A tese da profesora do Campus de Ourense remata cinco días antes de que Carlos Casares pase a contar cunha columna diaria en La Voz de Galicia -que mantivo o seu sinal de identidade como A marxe- a comezos de xuño de 1992. Mar Fernández constatou na súa investigación «como vai evolucionando na súa escrita en prensa -artigos, recesión de libros, suplementos- para chegar a un dominio absoluto do que é a extensión da súa columna diaria, depurando todo o que non interesa para crear pezas sinxelas que resultasen atractivas para o lector. E conseguiuno».

Das lembranzas de Xinzo aos animais da casa

Para Mar Fernández Vázquez (Barcelona, 1973), Carlos Casares foi quen, coas súas columnas de A marxe, de se converter nun referente para os lectores: «Ti vías como había xente que collía La Voz de Galicia e lle daba a volta para empezar a ler o xornal pola súa columna. E foi unha grande homenaxe cando o xornal saíu co seu artigo en branco ao día seguinte da súa morte». Sobre esa etapa, a que vai dende que Casares empeza a escribir unha columna diaria no xornal en xuño de 1992 ao 9 de marzo do 2002, está o traballo por facer e a profesora do Campus de Ourense agarda que se poda contar con todo o material sobre a mesma para poder estudalo. O percorrido polo corpus xornalístico de Carlos Casares entre os anos 1968 e 1992 ofreceulle á investigadora a posibilidade de achegarse a algunhas das claves da traxectoria vital do autor de Ilustrísima.

Crónica deportiva e relixión

Entre outras curiosidades apunta as crónicas que fixo cando era estudante universitario en Compostela. «Coincidindo coa estadía da selección española de fútbol, asinou varias con pseudónimo. Fíxoas para o Abc cando era o correspondente do mesmo Xosé Fernández Ferreiro», lembra.

As anécdotas e as vivencias relacionadas coas estadías en Castro de Beiro, onde un familiar exercía de crego na parroquia, as de Xinzo -e os personaxes populares da Limia- ou a presenza dos animais da familia nos seus textos son outros aspectos quer destaca. «É certo que o gato Samuel foi o máis coñecido, pero xa antes tiveran o seu protagonismo os cans e gatos da casa, e mesmo unha toupa do xardín que intentara salvar. Os lectores empatizaron coa súa familia e cos animais da casa». As súas preocupacións relixiosas -que mudaron ao coñecer a Andrés Torres Queiruga-, as viaxes ou as súas inquedanzas pola lingua e a cultura tamén centraron o seu traballo.