O Atlas Lingüístico é o resultado de varias enquisas elaboradas na década dos anos setenta
20 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Cerraportelos, cerrancelos, cerraburatos, neno, nenín, menor ou máis novo. E así ata chegar ás 27 maneiras de referirse ao fillo máis pequeno dunha familia dependendo do lugar de procedencia do falante en cuestión. O galego ten moitas formas para pronunciar un mesmo termo e todos eles están recollidos na sétima edición do Atlas Lingüístico Galego: Léxico. O Ser Humano (ALGa), que se presentou este luns na Fundación Barrié da Coruña.
A obra pertence á colección Biblioteca Filolóxica galega, integrada polos traballos do Instituto da Lingua Galega, e ocúpase de recoller o léxico da comunidade. Esta edición está constituída por 294 mapas nos que se representan as máis de 4.000 variantes de case 300 conceptos vinculados coa familia, as relacións de parentesco, a vida en sociedade e certos oficios.
No acto participaron José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié; Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela; Anxo Manuel Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Universidade; e Xosé Luís Regueira, director do Instituto da Lingua Galega. Tamén estivo presente unha das responsables do proxecto, a investigadora Rosario Álvarez e actual presidenta do Consello da Cultura Galega.
Para elaborar o ALGa, Álvarez Blanco explicou que «desde outono de 1974 ata o verán de 1976, visitamos 167 localidades» nas que realizaron centos de enquisas para coñecer o léxico de cada zona in situ. Desta forma, «cada mapa representa as distintas denominacións para un mesmo concepto, dando lugar nalgunhas ocasións a un verdadeiro campo de batalla», manifestaba. Neste labor, Rosario Álvarez estivo acompañada polos profesores Francisco Fernández Rei e Manuel González González.
Esta edición é o segundo volume que trata cuestións relacionadas có ser humano. O total de todas as obras suma 2.400 mapas publicados. Anxo Lorenzo cualificou de «fundamental» o papel deste atlas na sociedade galega, xa que «permite ter unha descrición do galego contemporáneo». Na mesa liña manifestouse o reitor da USC, Antonio López, quen tamén insistiu na necesidade de «incorporar o galego ás novas tecnoloxías». Algo que será, para el, determinante no seu uso.
O primeiro volume do ALGa naceu no ano 1990 e estivo dedicado a morfoloxía verbal. Ata a data, a Fundación Barrié foi a encargada da súa publicación, mentres que a USC participou na edición das dúas últimas.