A produtora Beli Martínez, primeiro premio Chano Piñeiro, que organiza o festival OUFF
CULTURA
É responsable, dende Filmika Galaika, de cintas como «Longa Noite», de Eloy Enciso; «Those that, at a distance, resemble another», de Jessica Sarah Rinland; e a curta de Lois Patiño e Matías Piñeiro «Sycorax»
16 ago 2021 . Actualizado a las 22:39 h.A produtora e profesora pontevedresa Beli Martínez recibirá o premio Chano Piñeiro, na súa primeira edición e que promove o OUFF (Ourense Film Festival). Carmen Leyte, presidenta da Fundación Carlos Velo, organizadora do certame, explicou que o galardón quere ser «un recoñecemento polo labor desenvolvido por Martínez desde Filmika Galaika ao apostar nos últimos anos por potenciar e dar a coñecer unha fornada de novos creadores galegos, facendo posible a realización dos seus soños audiovisuais con notable proxección internacional».
O OUFF, co respaldo da Deputación de Ourense, institúe o premio como recoñecemento aos emprendedores do audiovisual galego, profesionais que dende diferentes frontes sacan adiante os seus proxectos, en ocasións á marxe da industria estandarizada. Así é como o cinesasta de Forcarei logrou facer realidade, entre 1985 e 1989, a súa primeira longametraxe, Sempre Xonxa, botando man de solucións imaxinativas para atopar os apoios económicos.
Beli Martínez (A Guarda, 1980) é responsable, dende Filmika Galaika, de cintas como Longa Noite, de Eloy Enciso, galardoada no Festival de Locarno; Those that, at a distance, resemble another, de Jessica Sarah Rinland, e Arraianos, tamén de Enciso. Unha das súas producións máis recentes é a curta Sycorax, de Lois Patiño e Matías Piñeiro, seleccionada para a Quincena de Realizadores no Festival de Cannes. Tamén produciu Eles transportan a morte, rodada parcialmente en Ourense.
Martínez recibirá o premio na gala inaugural do OUFF, o próximo 24 de setembro, en presenza da viúva de Chano Piñeiro, Mariluz Montes.